ENTREVISTA

Xesús Alonso Montero: “Son español, non españolista, que quere a Galicia e a Cataluña en España"

unnamssssssdfded_result
photo_camera Xesús Alonso Montero, a semana pasada en Vigo.

O presidente da Real Academina Galega é home de dicir o que pensa. Catedrático de Literatura Galega, doutor, sociolingüista, ensaísta, escritor e poeta, hai que escoitalo con atención.

O presidente da Real Academina Galega, Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), é home de dicir o que pensa. Catedrático de Literatura Galega, doutor, sociolingüista, ensaísta, escritor e poeta, hai que escoitalo con atención. 

Decía o protagonista do último libro de Umberto Eco, filólogo como vostede, que os moi cultos son os que fracasan. Vostede sabe moito. Cre que agora non se valora o coñecemento?
En todo caso eu debo de saber pouco porque non fracasei na miña vida. Con iso é suficiente. 

Equivocouse aparcando os cinco libros que tiña no forno para meterse na lea da Real Academia?
Non admito, se non lle parece mal, a palabra lea. Desde o momento que dimite o anterior presidente hai un grupo de académicos que pensan que o próximo debería de ser unha persoa das miñas características... Eu penseino ben e entre a fruición persoal de terminar cinco libros que teño empezados e facer un servizo de tipo público, colectivo, eu, que son marxista, non podo ter dúbida;  doéndome moito os libros meus que esperan, pero a Academia tiña que ser dirixida ao parecer por unha persoa das miñas características e aquí estou.

Que tal se leva con Méndez Ferrín? El dixo aos seis meses de deixar a presidencia que a RAG estaba paralizada... 
En primeiro lugar, o señor Ferrín debe de ter mala información a propósito das actividades da RAG. Non sei quen o informa, pero a RAG está traballando intensamente. Polo tanto, tería que beber en fontes de información máis limpas. 

Segue a ser vostede  un “choio"  para a Academia como dixo?
Non deixa de ser unha expresión coloquial ás que non son moi proclive, pero bueno, de vez en cando tamén son humano. Na anterior lexislatura había un coche, ao parecer luxoso, e un chófer. Eu hoxe vin no tren, fanme un corenta por cento de desconto pola miña idade e resulto menos gravoso á Academia que os presidentes que tiñan coche. 

Sei que non lle gusta a expresión, pero zóupalle a todos e todos lle zoupan. Vaille a marcha?
Aí hai xa moita dialectoloxía que eu non comparto. En primeiro lugar: eu non zoupo a ningúen. Eu opino sobre cuestións políticas, culturais, lingüísticas, literarias e aínda que non opino ao cen por cen, porque tamén teño as miñas cautelas e os meus medos nunha sociedade que é represiva, pero como debo de ser dos poucos que di a centésima parte do que pensa, resulta que hai persoas que se senten un pouco molestas cando emito as opinións e eles replícanme, pero eu nin zoupo nin me zoupan. 

Pois nesas ocasións que o replicaron Xavier Vence chamouno “botarate petulante" e Pilar García Negro “españolista extremista" por dicir que o BNG quería tanto ao galego que o afogaba...
Creo que o señor Vence non debía estar nun momento de inspiración cando me caracterizou desa maneira. En canto a señora Gacía Negro, eu non son españolista, eu son español que lle gustaría, por exemplo, que Cataluña seguise sendo parte de España. E español que quere que Galicia sexa parte de España. Como creo na nación cultural de Galicia, na nación espiritual de Galicia, creo que nunha España federal Galicia pode ter os resortes políticos e administrativos suficientes para que a nación espiritual, onde está tamén a nación lingüística, teña o esplendor que deba ter. 
  
Fai uns meses pediu un cambio na Xunta para salvar o galego. Non sería mellor un gran acordo de país e sacar a lingua do debate político? 
Ningunha cuestión se debe sacar do debate político porque todo é política na vida. Eu, cando era profesor no instituto de Lugo e un rapaz me pedía para ir facer unha necesidade menor, o primeiro que lle preguntaba cando volvía era si tiña a caralla dereita ou torta, porque se a tes torta, fixeches a necesidade fóra do váter e iso vai en detrimento da señora Lola, a señora da limpeza, que é a que menos cobra e a que ten que facer tarefas máis precarias. Polo tanto, ter a caralla dereita ou ter a caralla torta é política. 

Cre que Feijóo e o presidente con menos sensibilidade coa lingua?
Creo que os presidentes de Galicia non se teñen caracterizado pola súa sensibilidade cara a lingua. Diría que Feijóo non é o máis insensible.

Era máis sensible Fraga? 
A súa maneira. 

Dígollo porque aínda andan cos recursos polo decreto do plurilingüismo. Que agarda?
Xa é unha cuestión de tipo obxectivo. A Academia está facendo o que ten que facer e o señor Feijóo está facendo o que supoño que o partido lle manda. Os académicos máis eu, na medida que represento a esta institución, temos a obriga de facer o recurso ante o Constitucional. Non sei se o señor Feijóo ten a obriga ante o seu partido de ter unha postura que o levou a promulgar o decreto do plurilingüismo.  

Que sente co galego que escoita ós conselleiros e altos cargos da Xunta.  
Tristeza. A proba de que non teñen moito compromiso co galego, aínda que algún si o ten, é que non coidan a súa linguaxe, non a toman en serio. Supoño que cando falan en castelán non dirán "marchose el niño", pero cando falan en galego din "se marchou o neno". Colocan ben o pronome átono en castelán pero non en galego. O que quere decir que os que fan isto, e son bastantes, están máis comprometidos, mesmo filolóxicamente, có castelán que có galego. 

Que falará Galicia dentro de cincuenta anos?
Seguirá falando galego, naturalmente sen renunciar ao castelán. 

A Besteiro chamouno “ínculto e inexperto" cando lle ofreceu o seu arquivo, correspondencia e obras de arte para a Deputación de Lugo. Segue pensando o mesmo?
Díxeno naquel contexto. Xa non me acordaba. Chameille inculto porque o que quixen dicir é que non tiña a percepción cultural necesaria para entender a entidade do arquivo que eu ofrecía. Non quero dicir que non lese a Cervantes ou a Shakespeare, senón que non tiña a sensibilidade precisa para entender a entidade do arquivo que eu ofrecía. E inexperto porque ningúen lle tiña ofrecido un arquivo, porque estas cousas non se levan neste triste país. Os mellores arquivos dos escritores hispanos están nas universidades dos Estados Unidos. Por que non han de estar en España e neste caso en Galicia? Tivo máis sensibilidade don Xosé Luis Baltar, que recibiu con verdadeira alegría e pagando unha cantidade que a el lle pareceu correcta e a mín inferior, pero o que vende sempre pensa que vende barato e o que compra sempre pensa que compra caro. Ao señor Baltar non lle puiden chamar nesta ocasión nin inexperto nin inculto. 

Sorprende que o arquivo dun marxista acabe na Deputación de Ourense, gobernada polo PP.
Pero a Deputación non era do señor Baltar. Como dixen na presentación oficial do arquivo, se cadra algún día estará gobernada por un discípulo de Lenin e tampouco será dono da Deputación. 

Cando Beiras regresou con AGE á Cámara galega vostede estaba feliz na tribuna de invitados. É a súa aposta política de futuro? 
Sí, foi unha aposta. Eu tiven intervencións en cinco mitins de AGE. E agora estou por un colectivo de mareas en que Podemos debe ser unha marea máis. 

Segue soñando con ser o presidente da Terceira República? 
Son pobre en case todo, pero en soños son rico. Aínda esta noite soñei en que había eleccións para presidente da República e un grupo de amigos entenderon que debía presentarme. Fíxome feliz  pensar que ao día seguinte ía competir nun mitin co cidadán Felipe de Borbón.

Houbo certo balbordo por adicarlle o Día das Letras a Filgueira Valverde. Habería que cambiar o sistema de elección do homenaxeado?
Sempre se poden mellorar as cousas, pero tampouco hai que introducir modificacións importantes cada día ou cada ano. No esencial, o Día das Letras Galegas está ben definido e pode suceder que nun ano a Academia designe a un escritor ou escritora que pode non gustar moito a un determinado sector da cultura do país e manifeste a súa discrepancia. Non pasa nada. 

Din que A RAG é territorio de homes.  
E que durante moito tempo foron os homes os que mandaron na sociedade. Nós estamos facendo o que podemos para que teña máis presenza a muller, pero hoxe para que houbera máis teríamos que matar a varios académicos e sustituílos por mulleres. Creo que vostede non intentará que eu sexa un homicida ou 'academicida', pero hai algo que estaba na nosa man: os que desde hai case dous anos e medio gobernamos a Academia temos na comisión executiva o corenta por cento de mulleres. 

Dixo do exministro Wert que “é o caradura máis grande que deu Europa dende o século XIII".
Equivoqueime, que deu o mundo. 

Non houbo outro máis grande?
Non, non, estudei o asunto con moita minucia.  É o caradura máis grande do mundo, sobre todo agora que cínicamente se foi para un posto moi ben remunerado e moi ben mantido. 

Entre  Pedro Sánchez, Pablo Iglesias e Alberto Garzón, con quen se queda?
E que Pedro Sánchez e Pablo Iglesias parécenme insignificantes ao lado de Alberto Garzón. Xa está dito. 

Na película 'En nome del Papa Rei' decían que “os revolucionarios morren aos vinte anos aínda que non morran..."
Se vai por min, non sei se son revolucionario e, como son novo, gustaríame ser revolucionario de maior. Son republicano, marxista e ateo pero como marxista ou como comunista teño pouca entidade, xa que o comunismo é un estado de perfección. Como son moi novo, cando pasen trinta ou corenta anos achegareime a ese estado. 

Quédalle menos de dous anos no convento, repetirá de presidente da RAG?
Non, espero que os amigos non mo pidan de novo. 

Qué significa Ribadavia? 
Vaia a Ventosela, que é a patria de miña nai e da canción "vai por Ventosela que teño unha moza que da xenio vela" e  na casa dos meus avós hai unha placa que di que alí Xesús Alonso Montero aos nove anos aprendeu a falar o galego. É onde empecei a conectar coa  xente máis explotada, os labregos, e onde lle dixen as primeiras palabras de amor a unha rapaza cuxo nome aínda levo no corazón. Ribadavia é iso e moito más. 

Te puede interesar