XORNAL ESCOLAR

Un paseo cara atrás

Xornal Escolar
photo_camera Os participantes na actividade xunto ao historiador Suso Martínez, que lle deu vida ao último prior do Mosteiro de Santa Comba de Naves, Antonio de Neira.

Escolares do Albino Núñez, acompañados por mestres, pais e voluntarios, ademais dun grupo de maiores do centro Fogar de San Amaro compartiron unha inesquecible actividade interxeneracional

Nenos e nenas, do CEIP Plurilingüe Profesor Albino Núñez, xunto a maiores, un total de oito do centro Fogar de San Amaro, aos que se sumaron voluntarios e profesores, compartiron unha ruta de outono pola contorna, arredor do bosque de Falán. Unir pasado e presente, realidade e misterio foron algunhas das curiosidades deste encontro ao que se sumou o último prior do Mosteiro de Santa Comba de Naves. Iniciaron o percorrido no pobo de Naves, onde os agardaba Camilo, un veciño de Palmés que se ofreceu de guía ao longo de toda a xornada. Comezaron a ruta desde a baixada deste pobo ata o Mosteiro, camiño ao longo do que aproveitaron para recoller lixo.

No medio do camiño estaba o historiador Suso Martínez, que foi o encargado de darlle vida ao último prior do Mosteiro, Antonio de Neira, quen os guiou na viaxe cara o pasado. Apareceu entre a néboa, cavilando no moito que cambiaron as cousas dende que non está. Foi nese intre cando se espertou a curiosidade entre todos os presentes e se dispuxeron a escoitalo. De Neira ensinoulle que detrás das pedras sempre houbo e haberá unha historia e achegounos á deste Mosteiro. Nenos e maiores camiñaron detrás del descubrindo os restos dunha antiga obra beneditina, de orixe milenaria, situada na antiga Terra de Búbal, na parroquia de San Mamede de Palmés, antigo Concello de Canedo. Durante a visita déronse conta das magníficas proporcións do edificio e de cal puido ser a importancia desta casa prioral, que conserva matices defensivos.

Logo visitaron os restos da capela, que curiosamente, se atopaba separada do mosteiro, e posiblemente fora edificada no ano 1767. Rematada a visita teatralizada con Suso Martínez, colleron o camiño que vai ata a Conchada, a través do bosque do Falán, dispostos a descubrir as “marcas do camiño” que fixeron Pilar e César, os dous veciños que aínda viven neste pobo. Mentres Suso camiñaba cara o pasado, e o ían perdendo de vista entre o bosque e as ruínas do priorado. As  marcas que atoparon son as que  lles permiten aos camiñantes non perderse no bosque, pero tamén son marcas referidas ás vidas de César e de Pilar, e a súa historia dende que, como a eles lles gusta dicir, ían mocear nesta contorna.

Neste percorrido foron falando da historia dos druídas, que estiveramos aprendendo nas aulas, e da orixe do Samaín.
Lembráronlles aos nenos que á volta á escola o equipo de Biblioteca ía convocar o concurso de contos de medo , e que terían que ambientar aquí os seus textos, no mosteiro, no bosque do Falán ou no pobo da Conchada. E que os protagonistas dos mesmos poderían ser  os avoíños do Centro Fogar de San Amaro, o prior, os druídas, os compañeiros e compañeiras voluntarios, os profesores, os veciños da Conchada e eles.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar