Opinión

Fóra de mapa e outras creacións

Aínda que o seu formato en libro sexa de aparición recente, foi en agosto do pasado ano cando a obra “Fóra de mapa” do ourensán Emilio Fonseca Martín gañou, coa unanimidade do xurado, o Premio de Banda Deseñada “Castelao” que cada ano outorga a deputación provincial da Coruña. Xurado que, presidido pola vicepresidenta da deputación provincial da institución organizadora, formaban parte tres destacados persoeiros do mundo do cómic: Juan Díaz Canales (gañador de varios premios internacionais no eido do debuxo), Jorge González Varela (debuxante e guionista, con incontables publicacións) e Miguelanxo Prado (¡qué dicir de Miguelanxo, ó respecto!). Xurado de luxo, que considerou Fóra de Mapa “unha obra de gran ambición. Cun guión rico, ben documentado e ben estruturado; un debuxo eficaz con moi bos recursos expresivos e bo tratamento da imaxe que provoca unha lectura fluída e engaiolante”.

Un galardón, moi importante, que ven a unirse a outras creacións do autor. Emilio Fonseca, debuxante, cineasta, investigador, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid, ven traballando arreo dende vai tempo no ámbito do vídeo, da animación e da ilustración. 

Por citar algúns dos seus traballos, no ano 2013 realizou un excelente documental, “Queimar o monte”, sobre as causas e consecuencias dunha praga que, dende vai xa moito tempo, está a asolar Galicia. Cal é a dos incendios forestais, con datos de arrepío. Ó longo do documental vanse alternando, durante unha hora, imaxes e palabras. Palabras que falan do abandono do monte, de pirómanos, de fogos intencionados, de neglixencias, de fatalidade. E centos de imaxes de solos abrasados, sen ningún rastro de vida.

No ano 2015 participou, con especialistas de distintos países, no proxecto de cooperación española Chaco Ra´anga, coa finalidade de visualizar a ameazada riqueza cultural e medioambiental do Grao Chaco sudamericano. Segundo se ven anunciando, e dentro da programación do proxecto, antes de que remate 2017 a organización publicará un libro coas conclusións dos distintos especialistas. Por outra parte, e ligado o contido do proxecto, vai uns meses Emilio rematou o cómic “Verde Invisible”, estando neste momento pendente de publicación.

Traballo interesante, tamén, o que na actualidade está a realizar Emilio sobre o lobo en Galicia. Collendo palabras súas, “O documental sobre os lobos vai pouco a pouco, pero xa temos gravado moito material e conseguido a colaboración de distintos expertos e de organismos interesados na cuestión”. Unha vez máis, seguro que nos sorprenderá gratamente.

Te puede interesar