IMPACTO AMBIENTAL
El BNG lleva la mina de A Gudiña a las Cortes
Coral Beato Sebastián de Aparicio
Os gudiñeses están de noraboa, xa que a Coral Polifónica Beato Sebastián de Aparicio foi seleccionada para participar na primeira edición do concurso de corais da Federación Coral Galega (Fecoga).
O evento celebrarase o 1 de novembro nas instalacións da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e contará coa participación de tan só once corais de toda a xeografía galega, seleccionadas a través dun concurso de méritos pola propia Fecoga.
A nova foi unha verdadeira sorpresa para os 32 compoñentes da formación das Frieiras, que conta con case catro décadas de historia e está integrada por veciños de entre 10 e 95 anos.
Á fronte da agrupación está Miguel Ángel Guerra desde o ano 2010, quen manifesta que para eles isto “é acadar a cima, tendo en conta que na Federación hai case 300 corais de todo o territorio galego”. Segundo explica, compartirán escenario con agrupacións tan recoñecidas como o Coro Gaos, unha das máis destacadas de Galicia. Outra das súas competidoras será a Capilla Madrigalista, único representante da provincia xunto coa Gudiña. “É unha agrupación conformada por directores de coro e profesores de conservatorio”, sinala Miguel, “unha realidade moi afastada do carácter amateur da nosa coral. Beato Sebastián de Aparicio está constituída por veciños da Gudiña cunha diferenza xeracional de 85 anos e sen formación musical previa. Todo o que conseguimos baséase nunha aprendizaxe por repetición”.
O director recoñece que a selección foi unha auténtica sorpresa e que, dende ese momento, están traballando arreo para non defraudar. A coral ensaia dúas veces por semana entre catro e cinco horas, e intensificará os ensaios na última semana antes do certame. “Xa suspendín toda a miña axenda e cancelei todo o meu traballo para poder ensaiar a diario”, apunta.
A agrupación terá que interpretar tres pezas: unha en galego, unha habanera e outra de temática libre. Escolleron “No niño novo do vento”, poema de Álvaro Cunqueiro con música de Emilio Batallán, como proposta en galego. Na sección de habaneras interpretarán a zarzuela “Canta y no llores”, de Manuel Penella, e como tema libre optaron por “Ó rama, ó que linda rama”, do país veciño.
Queda por diante un longo mes de preparación, e a mestura de nervios, ilusión e responsabilidade xa se deixa sentir entre os integrantes. “Temos un pouco de todo”, admite Miguel. “Necesitamos moita dedicación e implicación porque queremos deixar o nome da Gudiña o máis alto posible. A nosa intención é aspirar ao máximo dentro das nosas posibilidades”, conclúe.
Esta participación non é só un recoñecemento ao esforzo e á paixón dunha formación amateur, senón tamén un motivo de orgullo e esperanza para todo un pobo que pretende situar ao rural no mapa cultural galego.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
IMPACTO AMBIENTAL
El BNG lleva la mina de A Gudiña a las Cortes
MANTENER VIVA LA TRADICIÓN
Galería | Comadres y Compadres protagonistas en A Gudiña
FIESTAS LOCALES
A Gudiña aposta pola recuperación do seu “Entrudio”
Lo último
Miguel Anxo Bastos
Regular las redes sociales
Plácido Blanco Bembibre
HISTORIAS INCRÍBLES
El carnaval del silencio
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Una sanidad rota