A biodiversidade retorna ata a Veiga de Gomareite

NATUREZA

O reto foi conseguido por membros da Sociedade Galega de Historia Natural

Voluntarios da Sociedade Galega de Historia Natural nos traballos de recuperación da Veiga.
Voluntarios da Sociedade Galega de Historia Natural nos traballos de recuperación da Veiga.

Biólogos e voluntarios pertencentes á Sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural veñen de rematar a rehabilitación da Veiga de Gomareite. Unha parte da Lagoa de Antela, de 16 hectáreas de extensión, ubicada en Vilar de Barrio.

Segundo informaron dende a asociación, este medio natural estábase a empregar "como entulleira de vertedoiro de lixo", feito que estaba a supoñer "un grande problema", xa que ademais de que "o lixo atrae ao lixo, os verquidos son caóticos e estaban a reducir a superficie dispoñible para a flora e a fauna e tamén para o uso gandeiro".

Por outra banda, dentro desta veiga, estase a desenvolver un proxecto de gandeiría en extensivo algo que, segundo explicou Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, "favorece a conservación da fauna típica das veigas húmidas". Por este motivo, a asociación chegou a un acordo de custodia compartida do territorio co gandeiro responsable, moi preocupado tamén polo emprego do lugar como vertedoiro.

Malia que os traballos de rehabilitación comezaron a mans dos voluntarios da sociedade durante o pasado ano 2014, a concesión dunha axuda de 12.000 euros por parte do Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) permitiu restaurar 10 hectáreas das 16 existentes, entre finais do pasado 2016 e o presente mes de abril. "Rematamos dous meses antes do prazo de execución preestablecido", sinala Serafín Álvarez. "A idea é seguir facendo todo o posible para a recuperación da veiga con voluntarios e acollernos, nun futuro, a outras axudas que poidan xurdir". Neste sentido, o presidente remarcou que "hai cousas que non se poden facer coas mans e precisamos de maquinaria, por exemplo, retirar bigas de hormigóns ou grandes electrodomésticos".

Contenido patrocinado

stats