Suspendidas as obras na rúa San Roque de Xinzo

Melloras

A reposición de lousas paralízase para o tránsito na próxima feira

Redacción | Ourense
Publicado: 25 jun 2021 - 05:16 Actualizado: 25 jun 2021 - 18:38
A alcaldesa, Elvira Lama, visita a obra na rúa San Roque.
A alcaldesa, Elvira Lama, visita a obra na rúa San Roque.

O Concello de Xinzo vén de anunciar a suspensión temporal das obras de reposición de lousas na rúa San Roque, co fin de facilitar o tránsito peonil na feira do 27 de xuño.

Debido ao bo ritmo co que se están a substituír as lousas deterioradas na zona, o executivo local confía en que a actuación, a pesares do parón por dita feira, estea finalizada para o día 14 de xullo, coincidindo coa celebración da seguinte feira.

Dende o consistorio recordan que “en menos dun mes, o Concello acometeu a reparación e substitución de ao redor de 400 baldosas, a metade das que se encontraban deterioradas”. Un total de seis rúas precisaban unha actuación urxente, que xa se fixo na rúa Galicia e Constitución, para seguir con Lepanto e San Roque.

A orografía do terreo e a pouca resistencia do firme provocou as roturas das lousas, que xa foron obxecto de melloras nos últimos anos, e como din dende o executivo local, “as obras que están a piques de rematar son unha necesidade urxente pola demora da subvención do Plan Hurbe”.

O Concello limiano puxo en marcha os traballos, que contan cun presuposto de 47.295 euros para a substitución de 800 lousas no casco vello, á espera de que a Consellería de Medio Ambiente dea luz verde á axuda solicitada e se poida levar a cabo unha actuación máis completa.

Dita actuación ten por obxectivo revitalizar o sector económico da vila, potenciando o pequeno comercio que se estende pola zona, na que hai dende tendas familiares ata despachos profesionais.

Contenido patrocinado

stats