PRAZA DA IGREXA
Un balcón de cegoñas nace no corazón de Pobra de Trives
PRAZA DA IGREXA
Hai lugares que gardan segredos no alto, onde poucas veces miramos. En Trives, abonda con erguer a vista na praza da igrexa para descubrir un deses espectáculos que non precisan escenario: o das cegoñas facendo da pedra o seu fogar.
Se en 2024 chamaba a atención a teimosía dunha parella que, pau a pau, conseguiu levantar o seu niño na contorna da cruz de Santa Leonor, dous anos despois a historia medrou. E fíxoo cara arriba. Hoxe, a torre do campanario da igrexa do Santo Cristo aparece “decorada” con nada menos que catro niños activos, aos que se suma outro na torre do reloxo, a escasos metros. E moi preto, tamén, seguen presentes o de Santa Leonor e o dos árbores da finca da Marquesa, completando unha pequena constelación de fogares no corazón da vila.
O máis sorprendente non é só o número, senón a vida que bulle neles. Estes días, quen pase pola praza poderá ver como os pitos asoman as súas cabezas, curiosos, mentres os adultos entran e saen co voo pausado que os caracteriza. O son do crotoreo —ese bater de peteiros que marca o ritmo das cegoñas— volve formar parte da paisaxe sonora de Trives.
Que ten este lugar para atraelas? A resposta non é única, pero apunta clara. Nancy Blanco, da asociación Amigas das Cegoñas, explica que “este año en nuestro censo no notamos crecimiento en las zonas que controlamos, pero tampoco descenso, lo que indica que la gripe aviar no ha influido”. Porén, engade, “la mayor sorpresa es ver que en Trives sí sigue creciendo”, algo que relaciona coa abundancia de alimento: “Está claro que en la zona tienen mucho donde comer”.
O caso de Trives resulta chamativo. Mentres noutras áreas as cifras se manteñen estables, aquí as cegoñas seguen sumando fogares, escollendo torres, árbores e recunchos elevados para asentarse. Unha convivencia, ás veces non silenciosa, pero constante coa veciñanza, que xa forma parte do día a día.
Así, entre pedra, historia e natureza, a praza convértese nun pequeno miradoiro privilexiado. Un lugar para deter o paso, mirar cara arriba e deixarse sorprender. Porque ás veces, o máis fermoso non está ao lonxe, senón xusto enriba das nosas cabezas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PRAZA DA IGREXA
Un balcón de cegoñas nace no corazón de Pobra de Trives
CULTURA NA EDUCACIÓN
Galería | O Entroido ensínase en Trives
CULTURA EN TRIVES
Naturaleza y memoria se citan en el IES trivés
QUEN CHO DIXO
¿Sabe usted que Trives lleva un año sin plenos?
Lo último
EN VERÍN, POR LA A-52
Un conductor serbio viajaba por Ourense con 1,3 millones en cocaína
GRANDES TENEDORES DE OURENSE
Doscientos ourensanos tienen en propiedad diez viviendas o más
INCENDIOS EN OURENSE
Vandalismo nocturno: a juicio la oleada de fuegos en el Macizo Central