Os arqueólogos deixarán ao descuberto a atalaia de Armea
ALLARIZ
Concello e Universidade presentaron a nova campaña de excavación e investigación no castro
A nova campaña de escavacións arqueolóxicas que desenvolverá a Universidade de Vigo durante o mes de xullo no castro de Armea, en Allariz, ten como obxectivo principal rematar de escavar a finca da atalaia, de propiedade municipal, deixando toda esta zona exposta ao público. Así mesmo, realizaranse varias sondaxes na contorna do xacemento para ver a súa potencialidade expositiva de cara ao futuro, entre as que se atopa a zona das Pioucas da Santa. A nova campaña presentouse onte no Concello de Allariz, nun acto presidido polo alcalde alaricano, Francisco García; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; e Adolfo Fernández, director, xunto con Fermín Pérez, da campaña.
Un equipo de vinte persoas, liderado por arqueólogos do Grupo de Estudos en Arqueoloxía da Universidade de Vigo volverá en xullo á zona para continuar sacando á luz un xacemento que se estima que ocupa unha superficie de oito hectáreas e do que só está descuberto arredor dun 5% da súa superficie.
Virxilio Rodríguez destacou que o proxecto de Armea recolle nos seus obxectivos as diferentes misións que cumpre a universidade, como son a docencia, a investigación e a transferencia, "ademais do seu compromiso coa cultura galega e o seu territorio". A escavación enmárcase no convenio que asinaron hai tres anos a Universidade e o Concello de Allariz, unha colaboracion que servíu, segundo o vicerreitor, de exemplo para a posta en marcha de iniciativas similares noutros concellos da provincia.
O alcalde de Allariz, Francisco García, amosouse satisfeito pola evolución desta colaboración e sinalou que o Concello aportará este ano 30.000 euros á campaña. Así mesmo, resaltou a importancia de que "o territorio poña en valor os recursos que ten e indicou que accións como as levadas a cabo en Armea amosan como "do patrimonio se pode facer un activo económico".
Adolfo Fernández explicou que este xacemento ten a particularidade de "estar moi pouco escavado, o que fai que estea todo por facer" e que o que se faga haxa que tomalo con moito tino "para recoller todos os datos arqueolóxicos". Ademáis da atalaia e as pioucas, o arqueólogo afirmou que se farán actuacions de sondaxe en fincas privadas, co permiso dos veciños, "expandindo a intervención a zonas de escavación con potencial para abrir outra gran área de musealización".
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CONTRACRÓNICA
El primer golpe lo da la UD Ourense
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, lunes 25 de mayo?