Atopado en Baños de Molgas un petroglifo que foi retratado por Bedoya en 1837

O Concello sinalizará e incluirá nun Plan de Protección este e outros achados

Atopan en Baños de Molgas un petroglifo retratado por Bedoya en 1837

O Concello de Baños de Molgas acometerá un Plan de Protección dos seus petroglifos de acordo co estipulado no seu Plan Xeral de Ordenación Municipal. Así o asegurou o seu rexedor, Xaime Iglesias, coincidindo cun novo achado no monte coñecido como Cubreiro, na parroquia de Betán, grazas á procura incansable de Xabier Moure Salgado e de José Antonio Gavilanes, dous investigadores que aseguraron que “nos atopamos diante do grupo de gravuras rupestres ao aire libre máis interesantes da provincia de Ourense”.

Moure e Gavilanes non foron pioneiros neste descubrimento, pero si á hora de recuperar unha historia de hai case dous séculos. Segundo eles mesmos recordan, en 1837 o catedrático de Teoloxía do Seminario de Ourense, Juan Bedoya; o avogado, xornalista e historiador José Verea y Aguiar e o deputado ás Cortes por Ourense, José de la Fuente Herrero, inspeccionaron unha pedra con gravados que aparecera no concello de Baños de Molgas. Ese mesmo ano, Juan Bedoya enviou á Real Academia de Historia de Madrid un debuxo da pedra e unha breve descrición, sinalando que se atopaba no monte Carrás, na parroquia de Almoite -o documento foi atopado polo historiador Xabier Moure, que o publicou no seu blog, nun libro antigo-. “Púxenme en contacto con Xabier logo de ver a publicación, pero soamente tiñamos ese dato”, apunta José Antonio Gavilanes.

Tomando como referencia o debuxo do propio Bedoya, Xabier e José Antonio iniciaron un traballo de búsqueda -nun primeiro momento infructuoso- do petroglifo, baseándose na ubicación citada históricamente, no monte Carrás: “Mesmo nos comentaran que podía tratarse dunha pena que desaparecera ao acondicionar unha pista, polo que abandonamos a busca, dándoa por perdida”, recorda Xabier Moure. “Eu achegueime un montón de días, de feito, buscando o de Bedoya, atopei no entorno catro ou cinco máis -pode haber uns 80 en Molgas- ”, engade Gavilanes.

Laxe de Carrás-Debuxo do ano 1837
Laxe de Carrás-Debuxo do ano 1837

ERRO DE UBICACIÓN

Sen embargo, a comezos deste ano unha moza de Maceda púxose en contacto cos investigadores logo de ver, nunha das súas páxinas sobre divulgación do patrimonio, o debuxo de Bedoya. Neste senso, a rapaza ensinoullo ao seu avó, quen o localizou non no monte Carrás, senon no monte Cubreiro, en Betán (Baños de Molgas). “Botando man da cartografía, comprobamos, en efecto, que os montes de Carrás e Cubreiro lindaban o un co outro, polo que cabía a posibilidade de que Juan Bedoya e compañía cometeran un pequeno erro de ubicación, polo que reanudamos a busca”, explica Xabier Moure Salgado. “Queriamos agardar para achegarnos coa moza e o seu avó ata o lugar, pero por unhas cousas ou por otras o fomos retrasando e a min puidome o nervio”, engade Gavilanes entre risas, que revisou todas as pedras do monte Cubreiro: “Botei man do Google Maps e dixen, ¡ten que ser esta pedra!”, en alusión á que alberga o gravado. “Vinme dereito á peneda e era”.

Gavilanes, xunto ao alcalde -que anunciou que o Concello, logo de examinar as propiedades, procederá a sinalizar e facer un acceso ao petroglifo- e Ambrosio Borrajo, outro investigador de petroglifos da zona, visitaron o achado. No petroglifo, duns 4.000 anos, vense 100 coviñas, tres cruciformes, unha cruz inscrita nun círculo, unha combinación de círculos concéntricos, un posible serpentiforme, e un posible motivo fálico. Destaca unha figura elipsoidal, a representación doutra humana e a de pezuños dun animal -nada comúns en Ourense-.

Contenido patrocinado

stats