Galería | Allariz despide ao San Bieito cunha procesión sentida e numerosa
FOTOS
As festas de San Bieito chegan hoxe ó seu remate na vila alaricana, que preparou unha programación ateigada de música para despedilas ata o vindeiro ano.
A xornada arrancou ás 10,00 horas co pasarrúas a cargo da banda Unión Musical de Allariz, que comezou o seu percorrido dende a Barreira. Cara as 11,00 horas, a xente comezou a achegarse para participar na procesión de San Bieito, que estivo acompañada, como non podía ser doutro xeito, de moita música.
A agrupación musical De Pé Feito, xunto á agrupación folclórica Lemavos e a Unión Musical de Allariz fixeron o percorrido xunto cos xigantes e cabezudos e pequenos anxiños que se uniron ó San Bieito dende a igrexa dedicda a el. Ó remate, tivo lugar a misa solemne na honra do patrón alaricano.
A praza do Matadoiro foi a seguinte parada das celebracións, onde ás 12,30 horas actuou a agrupación folclórica Lemavos para o deleite dos asistentes. A Unión Musical de Allariz seguiu comandando a troula na súa vila, pechando a sesión vermú ás 13,30 horas na Barreira.
A cita continuou ás 21,00 horas, cando a orquestra Compostela puxo ritmo ós derradeiros bailes destas festas de San Bieito na Barreira alaricana . O broche final foi o espectáculo de pirotécnica, a cargo de Josman, que se fixo no campo de Vilanova.
Así, Allariz despide as súas festas patronais, que comezaron o pasado día 2 de xullo ca noven de San Bieito e remataron logo de catro días de actos relixiosos, actividades para toda a familia e música.
Contenido patrocinado