Xosé Touriñán: “Fainos falta o aire para respirar pero, para vivir, a comedia. É necesaria sempre"

Xosé Antonio Touriñán recibirá mañá en Allariz o Premio RIR contigo pola súa traxectoria profesional.

O actor galego Xosé Antonio Touriñán. AIGI BOGA
O actor galego Xosé Antonio Touriñán. AIGI BOGA

Como valora este recoñecemento que se lle fai dende Allariz?

É como recibir un cariño da xente que te ve e agradéceche que a fagas rir, como o di o nome do festival. É un orgullo, aínda que me empezo a sentir maior (ri).

Que opina sobre que nas vilas galegas se estea apostando por manter este tipo de festivais?

Sempre fomos de minifundios, de facer moitas cousas pequenas. Esto gústame porque non tería moito xeito facer dous festivais grandes de cine en Galicia e nada máis. Esto achégaos a todo o mundo. Que Galicia estea salpicada destes festivais é maravilloso. Todos están feitos con cariño e, as veces, con moi poucos medios, pero esa tamén é a esencia: transmítese paixón polo audiovisual. Ogallá en cada comarca galega houbese un festival de cine, de teatro ou de música.

Os festivais de comedia quizáis son agora máis necesarios.

A comedia, en xeral, é moi necesaria sempre. Fainos falta o aire para respirar pero, para vivir, a comedia.

Coñece Allariz?

Non sei se hai un galego que non coñeza Allariz! Agardo que non. Encántame Allariz, son moi fan de como se fan e como se fixeron moitas cousas alí. Paso un par de veces ao ano.

Atravesa un momento moi prolífico na súa carreira, pero sempre con proxectos vencellados á terra, é algo circunstancial ou un actor nunca se debe esquecer do lugar do que vén?

No meu ADN está moi claro de onde son. Cada traballo pídeche unhas cousas e hai que amoldarse, pero sempre que podo queda claro que son galego. Cando son comunicador en programas, fago teatro ou monólogos para min é fundamental de onde veño e contar o que me rodea e quen son, entón, non podo evitar falar de Galicia. Temos un xeito de ser que estou ben orgulloso de que se me note que son galego.

Cada vez aborda máis xéneros diferentes: comedia, suspense… É complexo que non o identifiquen soamente como cómico?

Pásame en Galicia. Foi onde fixen máis quilómetros neso e é lóxico que aos galegos lles resulte estraño verme facer outras cousas, pero pásame ao contrario a nivel nacional. Algunha vez, cando me propuxeron para facer comedias, houbo algún directivo que preguntou “Como Touriñán facendo comedia?”. Esto é maravilloso: que nun lado pensen que soamente vas facer de malo e de psicópata e noutro que nada máis verte a cara se rían. Indica que o traballo está ben feito.

Contenido patrocinado

stats