Unha academia avivará o estudo do Couto Mixto

Escultura do derradeiro xuiz do Couto Mixto, Delfín Modesto Brandón.
photo_camera Escultura do derradeiro xuiz do Couto Mixto, Delfín Modesto Brandón.
A igrexa de Santiago retoma o sábado o nomeamento de novos xuíces

O himno do Couto Mixto volverá a soar este sábado 2 de xullo na igrexa de Santiago, no concello de Calvos de Randín, que entre os séculos XII e XIX foi -xunto con Rubiás y Meaus (Baltar)- un territorio independente entre España e Portugal con preto de mil veciños nos seus 27 quilómetros cadrados. A Asociación de Amigos do Couto Mixto recupera, tras dous anos de pandemia, o acto solemne que, dende o ano 2000, distingue como xuíces honorarios ás persoas que co seu traballo e adicación fan que este territorio arraiano sexa devolto a memoria colectiva de Galicia. 

Así o definiu nalgunha ocasión o presidente da asociación, o ourensán Luis García Mañá, que esta semana ultima os preparativos dun acto que terá tres nomes propios -os xuíces honorarios Armando González, Consuelo Castro Rey e Diana Gonçalez- e un novo proxecto: a creación da Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto.

“Este ano daremos un paso máis nesa república do coñecemento e dos pensamentos, no sentido dunha red pública e onde as fronteiras non son espazos de eliminar, senón de contacto, de riqueza, de coñecemento”, adiantaba Luis García Mañá. 

Nomearase a Xosé Manuel Cid, profesor e escritor antelán, director da nova academia que traballará de forma autónoma da Asociación e con non máis de 25 académicos que achegarán a súa experiencia e coñecemento máis alá da literatura, co obxectivo de “desfacer esta inxustiza histórica. Mentras que Andorra seguiu adiante e no ano 1993 era recoñecida como estado soberano, o Couto Mixto estaba no máis completo esquecemento”, lembra García Mañá, quen no ano 2005 publicou  “Couto Mixto, unha república esquecida”. “Hoxe xa non podería porlle ese título porque uns e outros conseguimos darlle vida ao Couto Mixto. A pesar de que se está despoboando, perdendo poboación…”. 

Son moitos os documentos, publicacións, conferencias e mesmo traballos audiovisuais e musicais que, dende finais do século pasado, foron recompilando e promovendo dende a Asociación de Amigos do Couto Mixto. Un colectivo integrado por arraianos de diferentes sectores e profesións, que foron quen de acadar a declaración de Territorio de Especial Interese Cultural e mesmo aprobar a presentación dunha candidatura a Patrimonio Inmaterial da Unesco -pero non se materializou-. Aínda que coa espiña de non acadar -sendo o propio García Mañá senador en Madrid- a dobre nacionalidade para os veciños do Couto Mixto seguindo o camiño aberto en Olivenza (Badajoz).

Acto solemne

Unha réplica da chave que abre o arcón do Couto Mixto, o bastón de mando que posuían os homes de acordo e o diploma acreditativo recibirán Consuelo Castro Rei, avogada xeral do Estado; Armando González, médico, e Diana Gonçalves, directora de cine no acto fixado para as 12,00 horas. Unha xornada onde non faltará a ofrenda diante da escultura do derradeiro xuíz do Couto Mixto, Delfín Modesto Brandón, e a música de María do Ceo.

Un médico, unha avogada e unha cineasta arraiana

Foi no 2010 cando o médico Armando González se “enganchou” ao Couto Mixto. Así o lembraba esta semana o tamén compositor e escritor ourensán, moi contento e agradecido polo nomeamento. “Daquelas, María do Ceo ía ser nomeada Xuíza Honoraria e pediume de porlle a letra a unha canción que ía interpretar e que hoxe é o himno do Couto Mixto”, lembra González que, nesta ocasión, pediulle devolver o favor e, xuntos, darlle música e voz a un fado escrito por Armando pensando no Couto Mixto e que incluíu no seu cartafol sobre o Couto Mixto publicado en “Escolma Imposible”. Dende Madrid virá outra das galardoadas, Consuelo Castro Rei. “É unha activa colaboradora con todo o que ten que ver con Galicia e a súa historia”, di García Mañá quen tamén destacaba o éxito dos traballos audiovisuais -subliñando “Mulheres na raia”- que levan o selo de Diana Gonçalez.

Te puede interesar