Antón Riveiro Coello: “Escribo para os coñecidos, e despois para os demais”
Antón Riveiro Coello é escritor, gañador do I Premio de Novela Álvaro Cunqueiro pola súa obra “Hotel Carioca”
O escritor nado en Xinzo de Limia Antón Riveiro Coello gañou o I Premio de Novela Álvaro Cunqueiro pola súa obra Hotel Carioca. Autor de novelas tan coñecidas como “A quinta de Saler”, ”Animalia”, entre outras.
Como se sinte gañar o I Premio de Novela Álvaro Cunqueiro? Para a xente de A Limia é un orgullo?
Quero pensar que si. A xente di que son profeta da miña terra, pero eu penso que é porque estou fóra da casa. Se vives alí non serías tanto, porque asóciaste máis. Cando vou, moita xente felicítame e fálame das novelas, o que significa que as len. Un escribe para os que coñece, e logo para os demais. Eu escribo para os da Limia, e despois para o resto do mundo. É moi agradable ver as persoas que coñeces ver que están a ler os teus libros. Fixéronme fillo predilecto e foi un acto moi especial.
O premio imaxino que ten un significado distinto, por chamarse Álvaro Cunqueiro, un referente para os escritores galegos…
Se son escritor en galego, precisamente, é porque existiu antes ca min xente como Cunqueiro. Para min, que vaia asociado no meu currículum o nome del, engrandece esa sensación do neno que quería ser. Cunqueiro segue sendo un dos grandes escritores en galego e en castelán. Tiña unha imaxinación impresionante, e era capaz de chegar dunha maneira intuitiva a lugares que nunca visitara. É unha ilusión, sabendo que o premio de Álvaro Cunqueiro desaparecera fai 20 anos e que se daba ao mellor dotado de Galicia, e o último gañeino eu. Agora que volva e o gañe eu é unha ledicia dobre, coa esperanza de que este premio sobreviva a min e a toda a xente que se presenta.
Dixo nun artigo que lle gustaría ter a imaxinación de Cunqueiro, a prosa de Otero Pedrayo e o sentimento de Castelao, podería explicarnos un pouco por que?
Porque, dalgunha maneira, os escritores traballamos coa memoria, coa imaxinación, cos sentimentos. Cunqueiro tiña moitísima imaxinación, Castelao era capaz de chegar a xente dunha maneira moito máis sentimental, como tamén pasa co caso de Rosalía. Otero Pedrayo era o que mellor prosa tiña, máis adxectivada, pero con expresións galegas moi difícil de atopar hoxe en día en calquera escritor. Dixen iso como podería dicir que me gustaría ser como Blanco Amor ou calquera doutro dos grandes escritores galegos. Os escritores galegos de hoxe en día deberíamos ter unhas referencias. Sempre che gusta coller un pouquiño de cada un, algúns destacan nalgunhas cousas e outros, noutras. Esa combinación para min sería perfecta, tanto coma dicir que me gustaría atopar un punto intermedio entre Casares e Ferrín, porque eu creo que estaría nun lugar marabilloso. Compararse e alimentarse destes escritores fan que dalgunha maneira sempre destaques nunhas cousas, pero por individual, calquera deles son impresionantes.
Cando soubo que a súa vocación era escribir?
Eu redactaba moi ben no instituto e na universidade. Non era consciente, pero dinme conta cando coñecín a miña muller, que me dicía que eu escribía moi ben. Tentoume a escribir un relato que presentei a un premio e funcionou. Durante uns anos, vin que podía ser escritor, pero son as outras persoas as que acaban dicindo se tes talento ou non. Fun creando unha esperanza de que podía ter esa capacidade de escrita como descubrín. Non tiven outro camiño que presentarme a premios, e así foi como pouco a pouco me fun convertendo en escritor, algo que me ocupa toda a vida. Dende que me levanto ata que me deito sempre estou pensando que cousas son necesarias para escribir. Cando estou durmindo, nunca soño, senón que estou traballando mentalmente.
Podería facernos unha breve descrición do Hotel Carioca?
Unha novela que trata dunha nena que se vai convertendo en escritora. Por outro lado é unha novela policial, porque na segunda parte ten todos os ingredientes para selo. Pretendo crear intriga e suspense para que quen o estea lendo queira descubrir a verdade do misterio. Tamén é unha novela psicolóxica na que os personaxes loitan coas súas contradicións. Sobre todo, vaise vendo unha evolución de todos eles, porque se describe dende a perspectiva dos personaxes. Poste na pel do protagonista, cunha mirada máis íntima nos pensamentos. Tamén é unha novela metaliteraria na que propoño unha especie de xogo onde o texto non é so o resultado final, senón o proceso que levou a iso. A novela xira sobre si mesma, cos problemas que ten unha novela para a súa creación. Conta temas como a emigración, do fracaso de moitas emigracións. Sempre que se fala da emigración, fálase da fortaleza e do éxito.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último