Carlos Valle: “A Pantalla é o símbolo máis importante de Xinzo, debe respectarse”
Carlos Valle liderará o novo proxecto da Asociación A Pantalla, onde procurará seguir difundindo o respecto pola tradición entroideira e pola figura da Pantalla.
A Asociación A Pantalla, que conta con 188 socios -115 adultos e 73 infantís-, está neste 2021 de aniversario -fundouse hai 25 anos- e tamén vén de estrear nova directiva. Trátase dun proxecto que liderará Carlos Valle, quen viste o emblemático traxe dende os cinco anos, e que procurará seguir difundindo o respecto pola tradición entroideira e pola figura da Pantalla. O presidente xa pensa no día 5 de febreiro e en recuperar o Entroido.
Como afronta esta nova etapa como presidente da Asociación A Pantalla?
Hai un cambio de presidencia, aínda que cinco dos membros da actual directiva xa estabamos na anterior. O obxectivo pasa por continuar co traballo feito nos últimos catro anos. Seguir na mesma liña, introducindo ideas novas. O traballo, ata o momento, está ben feito.
Cara onde se dirixe o traballo da asociación?
A darlle valor á parte tradicional do noso Entroido e a protexer a nosa máscara.
Ven resultados dese traballo feito na liña do respecto ao traxe, á Pantalla e á tradición?
Levamos moitos anos facendo charlas nos colexios e institutos e ofrecendo todo tipo de información neste senso. Pouco a pouco vemos ese traballo reflexado, aínda que hai que seguir mellorando. O importante é que a xente cada vez saia mellor co traxe. Sempre hai quen non ten un comportamento axeitado ou vai mal vestido, pero eu non son ninguén para decirlle nada. O noso papel é promover o respecto aos que veñen detrás -refírese aos máis cativos-. Esto é algo que se leva facendo dende sempre, eu mesmo recibín charlas cando era pequeno.
En todo caso, por que é importante que a xente se conciencie no respecto?
Para non perder a nosa tradición e os nosos valores. É importante vestir ben, comportarse ben e non quitar a máscara fóra dos bares. É importante tratar a máscara con consideración e saber o que é: o símbolo máis importante de Xinzo. Cando eu visto a Pantalla non son Carlos, son unha Pantalla e teño que comportarme como tal, ademais de ter unha actitude e respecto ao que levo posto.
Que tipo de actividades prevén para o vindeiro ano?
Ademais do colgamento do Meco e o Domingo Oleiro, a sega, a malla e tentar recuperar as charlas que facíamos antes da pandemia no Museo Galego do Entroido, aínda que buscando outros espazos. Tamén recuperaremos as cotas dos socios que, debido a interrupción da nosa actividade pola pandemia, deixamos de pasalas.
Como está o relevo xeneracional para vestir o traxe?
Temos bastantes socios na categoría de Infantil. A tradición vaise transmitindo dos uns aos outros. Eu empecei con cinco anos.
Cre que afectou a esta tradición o feito de non poder celebrar o Entroido este ano?
Cremos que vai a seguir igual e que a xente ten ganas de volver á normalidade.
Que sentiu vostede ao non poder vestir a Pantalla este ano?
Tristeza. De feito, nuns días cumplo anos e sempre digo que este ano non o celebro porque tampouco houbo Entroido, entón non conta. (Engade entre risas).
Este ano hai Entroido?
Neso estase traballando.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
REGULACIÓN DE INMIGRANTES
El Gobierno lanza un portal web para la regularización extraordinaria de migrantes
6 CAMIONES DE BOMBEROS
Arde una nave de transportes en el polígono de San Cibrao das Viñas