A LIMIA

Catro concellos constitúen un grupo de emerxencias

photo_camera Casa consisttorial de Porqueira, onde se ubicará o local de emerxencias da mancomunidade.

A unidade estará situada en Porqueira e funcionará a partir de outubro

Os concellos limiaos de Rairiz de Veiga, Porqueira, Os Blancos e Calvos de Randín están ultimando os estatutos para poñer en marcha unha unidade de Protección Civil mancomunada que atenda as necesidades dos catro municipios. Será un servizo integrado e profesional que pretende cubrir as carencias que había ata o momento na zona, onde existían servizos de voluntariado con deficiencias loxísticas. "Co voluntariado uns días podes contar e outros non, por iso nós queremos un servizo que funcione de maneira profesional", afirma Aquilino Valencia, alcalde de Calvos de Randín.

Está previsto que nas próximas semanas as catro institucións asinen un convenio coa Deputación provincial e a Xunta de Galicia. O financiamento correrá a cargo destas dúas institucións, mentres que os municipios aportarán os recursos humanos e loxísticos.

"Xa houbo conversas coa Xunta e só falta asinar os convenios", comenta José Manuel castro, rexedor de Os Blancos.

O local da agrupación de emerxencias situarase previsiblemente no Concello de Porqueira, por ser unha das zonas máis céntricas a nivel xeográfico. Cada un dos catro consistorios aportará un mínimo dunha persoa ao equipo do servizo e un máximo de dúas, polo que se contempla formar unha agrupación de entre 6 e 8 persoas.

A falta de que se finalice a redacción dos estatutos e se determine que recursos se aportarán por parte de cada unha das institucións, os catro alcaldes confirman que o servizo de emerxencias estará en funcionamento antes do vindeiro mes de outubro.

Te puede interesar