Edelmiro Martínez Cerredelo: "Pódese dicir que teño a historia gráfica do século XX en Xinzo"
Edelmiro Martínez Cerredelo será nomeado este sábado -Salón de Plenos de Xinzo, 12,00 horas- Fillo Predilecto de Xinzo pola súa contribución á recuperación e á investigación da historia da vila, recollida en varios libros e crónicas.
Algún día pensou que o nomearían fillo predilecto de Xinzo?
Pois a verdade e que non. Normalmente hai a mala costume de facer os recoñecementos cando xa non se está presente.
Que sente ante dito recoñecemento?
Unha gran satisfacción persoal. Creo que é un recoñecemento ao meu traballo na investigación e publicacións da historia de Xinzo e da Limia. Esta distinción coa que me honran, como me dixo un amigo ó felicitarme “sempre enche de orgullo o peito de quen a recibe”.
Traballou na gasolineira do seu pai, no restaurante familiar e na banca, pero, ¿de onde lle vén esa rama da comunicación e da investigación?
Todo parte da curiosidade desde a miña infancia por coñecer a historia e pasado de Xinzo e a Limia, con certa frustración polo pouco que había.
Había un baleiro na procura da historia de Xinzo e da comarca?
Había e aínda hai moito que investigar, especialmente, no arquivo do Ducado de Alba, onde deben estar todos os documentos do Condado de Monterrey e de Lemos, señores da Limia.
Quen ou que lle axudou especialmente na búsqueda de datos, fotos, ou imaxes para documentar todos os seus traballos?
Foron moitas as persoas que me axudaron e facilitaron información, documentos e fotografías, aínda que en Xinzo lamentablemente non temos practicamente documentación antiga. Sempre tiven que buscar en arquivos e bibliotecas de fóra. Tiven moita colaboración dos veciños na procura de imaxes. Pode dicirse que teño a historia gráfica do século XX en Xinzo.
Nas súas investigacións, ¿que foi o que máis lle impactou descubrir? Houbo algún dato que non soubera malia ser limiao?
Paseino mal investigando o período da República, o golpe de estado do 36, a represión da posguerra, así como ao sacar a luz, por vez primeira, as accións da guerrilla na Limia. Moitas veces saltáronme as bágoas ao comprobar as inxustizas e asasinatos que se cometeron naquel tempo só por pensar diferente e defender a legalidade vixente.
Que exemplos hai en Xinzo de persoas que, coma vostede, profundizan dun xeito ou outro nas raíces da vila?
Algúns hai, agardo que no futuro alguén colla o meu relevo. Pero na revista Lethes do Centro de Cultura Popular do Limia téñense publicado excelentes artigos e traballos de distintos investigadores limiaos sobre a nosa comarca.
Quere continuar escribindo?
Pode ser que algún artigo que outro, pero non un novo libro. Como dixen anteriormente, no arquivo do Ducado de Alba seguro que hai moita documentación antiga da Limia. Só un experto latinista e con amplos coñecementos de paleografía podería investigalo. O Concello debía dotar algunha beca de investigación ou convocar un premio en metálico ao mellor traballo sobre a historia de Xinzo e da Limia e logo publicalo.
Síntese coma un detective da historia da súa vila?
Tanto como detective non, pero sempre aproveitei a ocasión se se presentaba para indagar no noso pasado.
En quen pensará á hora de recoller un distintivo como a medalla de Xinzo?
Pois non teño nin idea do que vou pensar, pero seguro que na miña filla Mónica que non poderá estar presente e, tratarei de superar a emoción, xa que son de lágrima fácil, para poder pronunciar algunhas palabras de agradecemento.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último