Alba de Evan e Xabier Domínguez: "Para escribir xuntos é importante a empatía e o traballo en equipo"
ENTREVISTA
Esta parella de escritores vén de publicar o seu libro número 20
Alba De Evan e Xabier Domínguez son unha parella de escritores que veñen de lanzar a súa obra número 20. A cabalo entre Vilar de Barrio e Ourense, estes mestres somerxéronse na aventura de escribir para os cativos, e aqueles que non o son tanto.
“Segredos soterrados” é o seu último libro.
Si, é unha historia de aventuras, onde a actualidade mestúrase co pasado a través de saltos temporais que van fiando a trama. Introducimos así á cativada nun episodio da nosa historia un tanto descoñecido: a presenza dos nazis en Galicia durante a ditadura. Entre os acontecementos que abordamos está o accidente de avión que tivo lugar en Calvos de Randín hai 70 anos, do que se conservan restos da fuselaxe nalgunhas portas do lugar. Unha trepidante aventura que viaxa á II Guerra Mundial e descobre a presenza nazi en Galicia, os tesouros agochados no subsolo e as tramas de corrupción que manexan o mundo. Apto para lectores de 10 a 99 anos.
É o seu libro número 20. Que supón isto para vostedes?
A verdade é que para nós é un soño que se cumpre, non porque soñásemos en publicar tanto, senón porque excede todas as nosas esperanzas no mundo da literatura. Gozamos moitísimo do proceso da escrita, pero o mellor é ver como esas historias que escribimos chegan aos seus lectores, que as aprecian e as desfrutan. A resposta dos lectores é excepcional e nunca viviremos o suficiente para agradecer a acollida que teñen as nosas obras, así como o agarimo co que nos tratan as libreiras, mestras e demais implicados.
Cando comezaron a publicar?
Pois a verdade é que foi un proceso natural, os dous estabamos de profes no mesmo centro educativo, e colaborábamos nun proxecto medioambiental. Escribimos catro contos para animar aos peques a participar no proxecto e fomentar a reciclaxe e valores ecolóxicos….gustáronlles tanto que pensamos que podería ter saída con algunha editorial. Así naceu a colección de contos Naturizo, e comezamos a escribir máis en serio.
Que é a colección Miudiños?
A colección Miudiños é un proxecto que lanza a editorial Cumio de Pontevedra, que consiste en crear biografías de personaxes destacados da nosa historia para primeiros lectores. Están escritos a xeito de Biopoema: biografías en poema. Editados con moito xeito e ilustrados fermosamente por Bea Gregores. Comezamos a colección con Rosalía e Luís Seoane. En vindeiros números haberá sorpresas.
Novos proxectos en mente?
Para este ano en curso temos o debut en solitario de ambos: Alba pola súa parte publicará con Xerais unha novela infantil- xuvenil, e Xabier un libro CD infantil xunto con Pakolas coa editorial Embora. En conxunto para o ano que ven, xa temos algunha novela en marcha na que están traballando na corrección e ilustración.
Como é escribir xuntos?
Como en calquera partitura de piano a catro mans, é moi importante a empatía, a sincronización, e o traballo en equipo. Comezamos cunha choiva de ideas en común, creamos un pequeno argumento xeral e organizámonos. Escribimos por quendas, cada un le e revisa o escrito anteriormente polo outro. Ás veces é complexo uniformar o estilo ou concretar o curso de acción, pero á vez pensamos que a escrita conxunta enriquece a nosa creación, dándolle novos matices, pagando a pena todo o traballo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
"EMERGENCIA ESTRUCTURAL"
Autónomos advierten de que Galicia cerró 89 comercios al mes durante 2025
reacción económica
Las petroleras estadounidenses se disparan en Wall Street