José Manuel Gómez: "Temos un equipo de xóvenes agricultores e totalmente renovado"

undefined
photo_camera José Manuel Gómez nunha imaxe tomada en Xinzo. (Óscar Pinal)
José Manuel Gómez asume a presidencia de Pataca de Galicia “con ilusión”, co obxectivo de “incrementar a calidade” da pataca con selo do Consello Regulador e co desafío de amparar “a un maior número de produtores”. Chega para sustituir a Guillermo Budiño e pretende, ademais, darlle maior “visibilidade” ao organismo. Foi escollido por oito votos a favor e unha abstención dos vogais divididos entre o sector productor e o envasador. Os seus vicepresidentes serán Diego Conde e Amador Díaz. 

Como xurdiu a posibilidade de presidir a IXP?

Pois fai dous meses que contactaron conmigo e propuxéronmo. Ao comezo dixen que non, pero, hai 15 días, cambiei de opinión. 

Como afronta esta nova etapa?

Como creo que hai que facelo: Con moitísima ilusión. Agora que me metín pois estamos, e falo en plural, moi animados. Temos un equipo maravilloso con xóvenes agricultores e totalmente renovado: Dos 11 membros, sete somos novos no cargo. Todos teñen moita ilusión, moito coñecemento e ganas de facer cousas. 

Por onde comezarán a traballar?

Penso que temos que intentar promocionar moitísimo máis este consello. Tamén ampliar o número de produtores e almacenistas amparados na IXP. 

Cal é a cifra actual?

Hoxe somos 92 produtores e 12 almacenistas. No ano 2022 tiñamos en produción ao redor de 700 hectáreas, aínda que controlamos moitas máis: Unhas 2000. Na última campaña comercializamos uns seis millóns de quilos con selo de calidade e controláronse uns 30 millóns. Esto último significa que houbo parcelas inscritas que, se cadra, non cumpriron as características e condicións da IXP.  

Cales son as condicións do produto amparado?

Ten que ter un calibre mínimo de 35 milímetros e non superior aos 80, homoxeneidade, ser firme ao tacto, consistente en boca e, o máis importante, ter un contido en materia seca superior ao 18 por cento, así como unha cantidade en azúcares reductores inferior ao 0,4 por cento. 

Comercializaron seis millóns, e, ao ano, a produción total na comarca ronda os 120, ¿é preciso aumentar esta cifra amparada?

Temos que convencer aos produtores en xeral de cultivar pataca de calidade amparada na nosa denominación. Penso que sería fundamental na promoción xenérica da marca e para un valor engadido na nosa zona, así como á hora de facer grupo e piña. Ninguén vai producir pataca como a que se produce en Galicia polas condicións idóneas, climáticas e organolépticas, que temos aquí. 

Esto precisaría dun incremento de produtores amparados. 

Sería interesante conciencialos, aínda que se vaian incorporando pouco a pouco con dúas ou tres parcelas por campaña. 

Que diría dos produtores de pataca?

Temos un sector moi profesionalizado en todas as zonas produtoras de Galicia. Coñecen o produto e o terreo e teñen moi boa maquinaria. Penso que nos últimos tempos o foco está máis posto na cantidade, e dende a IXP deberíamos convencer ao sector de que o noso valor engadido vén da calidade. 

Como o farán?

Con xornadas informativas e de divulgación.

Te puede interesar