O Limia Arnoia impulsou ás mulleres con iniciativa

cosmetica-natural-terra
photo_camera Aida Fróiz González, de Cosmética Natural Terra.
Este Grupo de Desenvolvemento Rural executou 4,4 millóns de euros

O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia fixo balance do Programa Leader no último periodo 2017-2021. Un tempo no que se executaron 4,4 millóns de euros públicos para financiar diversas iniciativas emprendedoras que tiveron a mulleres como principais impulsoras. Concretamente, din dende o GDR que “a muller converteuse nunha figura clave dentro do emprendemento rural. E a este feito hai que sumarlle o alto compoñente innovador que teñen a maior parte de ditos proxectos”. 

Os proxectos liderados polas emprendedoras, que xeraron 30 postos de traballo, xiraron sobre dous eixos fundamentais: a sustentabilidade e o aproveitamento dos recursos naturais, aos que se sumaron a creación de novas canles de comercialización ou a posta en valor do territorio. Foron 14 as propostas respaldadas e que supuxeron un investimento total de 778.222,37 euros.

Dende o GDR Limia Arnoia destacaron as iniciativas de Mercedes Veites, que fundou Lumecú, unha firma que crea pezas dende un obradoiro de traxes tradicionais en Vilar de Santos; Nuria Sotelo, promotora de “O tempo do corpo”, un proxecto de envellecemento activo dirixido ás mulleres rurais e que se desenvolve en Amiadoso (Allariz); Inés Rodríguez, de Rir&Co, un obradoiro artesán no corazón do casco vello alaricano e Aida Fróiz, ideóloga de Cosmética Natural Terra, con sede en Celanova e que emprega a natureza como aliada para coidar a pel.

Un dos proxectos de maior investimento foi o de Sara Martínez, que rehabilitou unha edificación datada no ano 1900 para convertela nun establecemento turístico en plena Ribeira Sacra -Pensión Porta Sacra- e co se crearon catro postos de traballo.

Te puede interesar