Luz verde ao plan para o saneamento do río limiao

undefined
photo_camera Un momento da sesión plenaria na que houbo acordo unánime dos concelleiros.
Os concelleiros aprobaron a medalla da vila para Cristina Margusino

O plan de saneamento previsto para o río Limia superou o trámite plenario deste mércores e faltaría agora a sinatura do convenio entre o Concello de Xinzo e a Confederación Hidrográfica do Miño Sil.  Esta actuación, que permitirá retirar os vequidos sen depurar do río Limia e canalizalos a un pozo existente da rede municipal, no Toural, para derivalos á EDAR; contará cun investimento de 1.420.000 euros. A CHMS aportará o 80 por cento do presuposto total e a administración local o 20.  

Unha vez que se complete o primeiro paso, procederase a mellorar as condicións de mobilidade na zona, na que se mellorará a senda peonil e se introducirá un carril bici. 

Na sesión plenaria deste mércores, todos os grupos políticos apoiaron o recoñecemento á doutora Cristina Margusino. A alcaldesa, Elvira Lama, sinalou que a data na que se celebrará a homenaxe será concretada nos vindeiros días e será posterior ao 18 de marzo, día no que está previsto o acto institucional para nomear fillo predilecto da vila a título póstumo a Ramón de la Fuente Galván. A rexedora asegurou que o recoñecemento a Cristina Margusino “porá en valor a súa traxectoria e o seu traballo, xunto co seu equipo de profesionais do centro de saúde”.

Tamén saíu adiante por unanimidade a prórroga do contrato do subministro de electricidade en alta e baixa tensión a través da Central de Contratación da FEMP, o que suporá un “aforro considerable”, din en Xinzo. Na rebaixa da factura tamén terá moito que ver o proxecto para mellorar a iluminación de Xinzo e co que se conseguirá a eficiencia enerxética trala substitución de 4.610 vellas luminarias por tecnoloxía LED.

Te puede interesar