As mulleres rurais únense para recoller o liño en Vilar de Santos

LIÑO3
photo_camera Xornada de traballo en Vilar de Santos.

A Asociación Arrancada organizou esta actividade coa colaboración do Museo da Limia e Limiar

 

A Asociación de Mulleres Rurais de Vilar de Santos, Arracada, está somerxida de cheo nas tarefas de recuperación do proceso tradicional do liño. Así, máis de 20 mulleres da asociación participaron onte no "arrigado" e "ripado" do liño, como continuación ao proceso de sementado que previamente realizaron no mes de maio, nunha leira da praza de Carballedo, cedida para esta finalidade polo Concello de Vilar de Santos. 

Estas faenas, que xa suman tres fases das 14 previstas para a recuperación tradicional da planta do liño, forman parte das moitas actividades que ao longo do ano realiza esta asociación de mulleres rurais. 

"O uso tradicional desta fibra téxtil debe superar 14 procesos ben definidos antes do seu tecido, e están claramente explicados na sala do liño do Museo da Limia, que leva o nome do etnógrafo Xaquín Lourenzo do propio museo", sinalan dende Arrancada. Os procesos do liño son "sementado, arrigado, ripado, empozado, tendillado, mazado, estrigado, espadelado, tascado, restrelado, fiado, sarillado, debanado e tecido", explican as mulleres rurais, que están loitando para recuperar estes traballos tradicionais e arraigados á cultura galega. 

As dúas labores que se realizaron este xoves polas veciñas de Vilar de Santos continuarán a súa andaina nos vindeiros meses ata chegar ao tecido de pezas e, tanto o Museo da Limia como a asociación de Artesáns da Limia, Limiar, colaborarán unha vez máis nesta actividade. Estas entidades porán a súa dispoisción os medios propios e elaborando unha reportaxe das distintas etapas do proceso completo, "co fin de contribuír á persistencia da nosa memoria e á lembranza e recreación dos oficios tradicionais da Limia", conclúen dende o Museo e Limiar. 

Te puede interesar