A Ruta da Portela, en Xinzo, terá 30 quilómetros de percorrido

Mosteiro
photo_camera O roteiro atravesará o conxunto de Bon Xesús de Trandeiras.
O Concello desgranou varios detalles deste proxecto que pretende revitalizar terreos intransitados dende hai 30 anos. 

O Concello de Xinzo de Limia avanza no proxecto anunciado a comezos deste 2021 para dotar ao municipio dunha ruta de sendeirismo que pase polos lugares máis senlleiros da vila. Neste senso, xa se sabe o nome: “Ruta da Portela” –en alusión ao modo no que se coñecía antigamente a Torre de Pena, tal e como puntualizou Amador Díaz- e tamén a lonxitude do percorrido, 30 quilómetros.  Trátase dun plan para potenciar o turismo na vila e para paliar a falta de roteiros de sendeirismo existente na capital da Limia, ao tempo que se pon en valor o seu patrimonio natural e paisaxístico, así como a natureza do seu terreo agrario. 

Dende o Consistorio anunciaron que a sinalización vertical xa estaría completamente rematada e restaría nestes intres a resolución favorable de subvención solicitada á Vicepresidencia da Xunta por valor de 40.000 euros –o Concello de Xinzo aportaría o 30 por cento desta cantidade-. 

Por outro lado, o roteiro contará con cinco tramos a través dos que se poderán coñecer diversos aspectos do patrimonio, a paisaxe e a etnografía do lugar: Alameda do Toural-Alto do Depósito; Alto do Depósito-Torre da Portela; Torre da Portela-Mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras; Mosteiro-Piñeira Seca e Piñeira Seca-Xinzo. Esta última será, precisamente, a máis longa con 10,5 kilómetros a través dos que se atravesarán terras de cultivo e parcelas sementadas de cereal e pataca. 

Dende o Concello de Xinzo apuntaron que a subvención empregarase para a limpeza de camiños, o acondicionamento de cunetas e desaugues, a reposición do firme ou para a dotación de equipamento e sinalización. Do mesmo xeito, tamén se creará contido para a páxina web do Concello con información sobre a ruta en si e sobre o valor dos elementos visitados. 

O percorrido partirá da Alameda de O Toural, no corazón de Xinzo, e discorrerá ao carón do río Limia ata o Alto do Depósito. Neste lugar está previsto instalar un punto informativo no que descubrir aspectos da paisaxe de Xinzo. O camiño continuará ata Pena e ata o Mosteiro de Trandeiras, no que se poderán atopar paneis con documentación sobre a xoia patrimonial do municipio. A partir desde momento, o camiño irá en ascenso ata chegar ao pico de todo o percorrido: 780 metros. Neste espazo poderase observar unha panorámica de 360 grados sobre a Comarca da Limia, divisando os concellos limítrofes, e colocarase un miradoiro que elevará lixeiramente o punto de vista. O descenso novamente ata o río Limia atravesará Piñeira Seca. 

O edil de Medio Rural e tenente de alcalde, Amador Díaz, asegurou que se trata dunha ruta “preciosa” que incluirá un miradoiro no entorno dos antigos depósitos de auga, e outro entre Solveira, Trandeiras e Piñeira “dende o que se poderá ter unha perspectiva de toda a Comarca da Limia”. Ademais, Díaz adiantou algún dos detalles da sinalización e dos paneis informativos, os cales estarán protagonizados por persoeiros elexidos en función da súa ubicación: “Serán figuras. Por exemplo, no Mosteiro de Trandeiras haberá un monxe; no río Limia, un pescador... Sobre elas ubicarase a información alusiva ao lugar no que nos atopemos”, precisou o tenente de alcalde de Xinzo, quen asegurou que, grazas a esta intervención, “poñeranse en valor uns camiños que levan sen transitarse dende hai 30 anos”. Neste senso, a propia natureza destes viais, moi estreitos, obrigará a facer os desbroces a man. “Poñeremos en valor unha paisaxe espectacular”, garantizou o tenente de alcalde. 

Te puede interesar