Sandiás repartirá novos compostoiros aos veciños

contenedorsandias
photo_camera Coa iniciativa, o Concello pretende diminuir o número de residuos nos contedores do municipio. (P.P.)
O Concello quere promover novas iniciativas de concienciación ambiental

O Concello de Sandiás continúa co seu plan de concienciación ambiental iniciado o pasado 2019 con novas accións e propostas para reducir os residuos e o seu impacto. 
A última iniciativa promovida dende o equipo de goberno que dirixe Felipe Traveso -en colaboración coa Deputación de Ourense- pasa polo reparto de compostoiros a toda a poboación que así o solicite, de xeito totalmente gratuito. Neste senso, as persoas que pretendan participar na campaña deberán contactar co Concello de Sandiás para manifestar o seu interese e proporcionar os datos persoais requeridos en horario de 09,00 horas a 14,00 horas de luns a venres -tamén se pode contactar co persoal administrativo no teléfono 988 46 50 01-.

"Queremos que a xente participe nesta iniciativa co obxectivo de reducir os residuos orgánicos e aproveitalos para facer abono para as hortas. Aquí no rural prácticamente todo o mundo ten unha pequena", asegurou o rexedor de Sandiás, Felipe Traveso.

Os materiais aptos para os compostoiros serían de tipo vexetal e, concretamente, pasarían por restos de poda, productos do campo que poidan estar estropeados ou restos de cociña e alimentación. "Nestes intres estamos tomando referencia de todas as persoas que queren os compostoiros para, posteriormente, solicitar a colaboración da Deputación de Ourense para que nolos suministre ", manifestou o rexedor de Sandiás, Felipe Traveso. 

Esta iniciativa forma parte dun plan máis amplo iniciado o pasado 2019 e que se complementará con outras accións como a limpeza voluntaria de montes, que se retomará tan pronto como a situación derivada da pandemia permita este tipo de actuacións.

Te puede interesar