A XIII Festa Popular de Baltar combinará medio ambiente, vida saudable e deporte

Laura López, José Antonio Feijóo, César Fernández y María G. Rodríguez.
photo_camera Laura López, José Antonio Feijóo, César Fernández y María G. Rodríguez.

O Concello de Baltar, en colaboración coa Deputación de Ourense, celebra o próximo sábado, 5 de agosto, a XIII Festa Popular, na que se mestura a tradición e a cultura da raia con actividades destinadas a fomentar a conservación do medio ambiente, a degustación de produtos locais, iniciativas para unha vida saudable e o deporte.

A cita festiva presentouse onte no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, e as representantes da organización, Laura López e María Gema Rodríguez.

O programa, que se desenvolverá en horario de tarde, pretende entre os seus obxectivos lembrar que non hai fronteiras, de tal xeito que os asistentes poderán asistir a unha exhibición de folclore portugués. 

Ademais, desenvolverase unha ampla oferta de xogos populares nos que poderán participar todos os asistentes, mentres que no apartado gastronómico haberá unha degustación de produtos da terra, acompañados de porco ó espeto.

Na presente edición tamén se inclúe como novidade unha exposición do concurso medioambiental “Stop incendios”, no que participaron un cento de rapaces de entre tres e doce anos con debuxos relativos aos lumes forestais. 

Control de alcoholemia

E tamén, para o fomento de hábitos de vida saudables, a organización premiará a todas aquelas persoas que, de xeito voluntario, fagan un control de alcoholemia e dean negativo.

O deporte estará representado polo Campionato Galego de Parapente, proba que se celebra con carácter previo á competición nacional que tamén terá lugar na Serra do Larouco.

En definitiva, unha festa ao longo da tarde cunha amplia oferta de actividades, música, espectáculos e degustación de produtos locais, e na que destaca a promoción dunha vida saudable, compatible con calquera celebración.

A organización da XIII Festa Popular do Concello de Baltar espera un novo éxito de asistencia nesta edición.

Te puede interesar