Xinzo impulsa un plan para mellorar a saúde dos veciños

plan de saúde
photo_camera Os asistentes á xornada inaugural do Plan de Saúde.
A intención é que este grupo inicial vaia aumentando en posteriores reunións con representantes de colectivos, asociacións e organizacións con representación no territorio.

Un dos primeiros desafíos xurdidos logo do da celebración das Xornadas de Atención Primaria vai camiño de materializarse grazas á implicación de diferentes entidades da vila limiá. Trátase do primeiro Plan Local de Saúde que procurará mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Xinzo. Neste senso, esta mesma semana tivo lugar unha primeira toma de contacto entre os participantes nesta iniciativa e que partiu dunha “radiografía” para comprobar a situación actual da localidade en materia de benestar e saúde. A esta xuntanza asistiron representantes do Concello, profesionais do centro de saúde e do centro de día e representantes dos catro centros escolares de primaria e secundaria da vila. 

Nesta toma de contacto inicial, algúns dos problemas postos enriba da mesa foron os psicolóxicos derivados da pandemia, a soidade dos maiores, a obesidade infantil, o consumo de bebidas azucradas, a necesidade de mellorar os desprazamentos en carril bici ou as adiccións no sentido máis amplo do termo, é dicir, consumo de medicamentos, substancias, alcol ou tabaco. Todos os asistentes coincidiron en que os hábitos saudables adquírense na infancia e é onde hai que incidir. Ademais, entre os obxectivos do plan están a promoción de estilos de vida saudable, a detección de problemas na saúde da cidadanía ou a identificación das enfermidades predominantes entre a poboación, así como das súas causas. 

A intención é que este grupo inicial vaia aumentando en posteriores reunións con representantes de colectivos, asociacións e organizacións con representación no territorio. Así o explicou a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama: “Traballadores sociais, educadores sociais, especialistas sanitarios, do ámbito deportivo, da igualdade de xénero e da sociedade civil irán achegando en cada área as carencias, os problemas e os activos necesarios para dar cunha solución que sexa posible e real”, apuntou Lama, quen recordou que dito plan foi “un compromiso electoral”. 

Esta primeira reunión serviu de base para marcar as canles de comunicación, establecer un cronograma e planificar as seguintes reunións nas que está previsto que participen diversos representantes.

Te puede interesar