O comercio alaricano fórmase na venda en liña e no marketing

Participan dende este luns un total de 15 comerciantes da vila e a formación terá unha duración de 20 horas 

Un grupo de 15 profesionais do comercio de Allariz iniciaron este luns unha actividade formativa vía Zoom na que abordarán, entre outros aspectos, os patróns de compra "online", cales son as canles máis empregadas para este tipo de comercio -Facebook, Instagram, Whatsapp, mails, webs, ou Marketplace locais- e, ademais, recibirán formación sobre Canva, unha ferramenta de deseño. 

Segundo explicaron dende a Área de Comercio e Promoción Económica do Concello de Allariz, dende onde promoveron esta iniciativa, "o obxectivo é profundizar no valor de cada rede para acadar os obxectivos marcados e sacarlle partido coma ferramentas profesionais". Neste senso, dende este departamento sinalan que a situación actual provocada pola pandemia "ven de acelerar o paso á dixitalización  coma unha necesidade" e creen que iniciativas deste tipo contribúen a "mellorar o comercio local en aras de dar un mellor servizo".

O curso formativo terá unha duración de 20 horas en total e todos os alumnos terán á súa disposición tempo de titorías individuais para a resolución de todas dúbidas que poidan xurdir ao longo dos vindeiros días.

Te puede interesar