O espazo Ben Común de Allariz busca novas iniciativas

IMG-20220726-WA0005 (1)
photo_camera Varios emprendedores traballando onte martes.
Para favorecer a instalación de iniciativas empresariais neste espazo “coworking”, Ben Común e o Concello de Allariz reeditaron este ano o seu convenio de colaboración

O espazo “coworking” Ben Común de Allariz cubriu este ano a metade das prazas que oferta e busca novas iniciativas para o vindeiro curso académico. Ademáis dos emprendedores que traballan diariamente no número 1 da praza Torre Lombarda de Allariz, outros o fan de xeito intermitente -por días ou semanas-. “Traballan seis persoas continuamente e o resto vai rotando. Hai persoas que tamén están aquí durante as vacacións”, conta Carlos Airas, responsable do centro de iniciativas empresariais. “O noso obxectivo sería chegar a doce persoas”, engade. 

Para favorecer a instalación de iniciativas empresariais neste espazo “coworking”, Ben Común e o Concello de Allariz reeditaron este ano o seu convenio de colaboración  que implica o financiamento do custe ao 90 por cento no caso daqueles emprendedores que estean iniciando un novo proxecto. Do mesmo xeito, dende o “coworking” aplican unha bonificación do 50 por cento a todos os usuarios restantes -os que non están iniciando un proxecto pero é a primeira vez que fan uso do lugar- durante o primeiro ano. “Xa temos xente preguntando e supoño que en setembro reservarán o seu espazo. Moitos autónomos tamén están agardando para comprobar como vai a quedar a cotización. Eso tamén inflúe á hora de escoller traballar nun “coworking” ou dende a casa, no caso de que se poida teletraballar”, sinala Carlos. “Estamos encantados de recibir a máis persoas. Gustaríanos chegar ao cen por cen de ocupación”, engade.

DIVERSAS INICIATIVAS

No espazo Ben Común, cunha superficie de 300 metros cadrados, desenvólvense iniciativas como unha editorial , xestión de redes ou de páxinas web , traduccións, deseño ou abogacía.

Te puede interesar