ALLARIZ

As Xornadas da Carne serán de bois de Allariz

photo_camera O alcalde, Francisco García; o gandeiro Lois González e o concelleiro Bernardo Varela, en Coedo.

A vila inicia dúas semanas de degustacións con concurso de tapas

A cuarta edición das Xornadas de Carne de Boi de Allariz serán especiais para o municipio, posto que será a primeira vez na que se degusten pratos elaborados a partir de animais nacidos e criados na zona. Así o anunciou o alcalde alaricano, Francisco García, no lugar de Coedo, onde o gandeiro Lois González xestiona a explotación "O Rego". Serán catro as reses nacidas nos montes de Penamá, que se explotan gracias á firma dun convenio cos comuneiros.

Con esta estrea, a celebración das xornadas "dá un salto cualitativo importante", segundo explicou o rexedor, pois permítelle ó municipio situar a carne de boi como un punto "gastronómico e turístico".Neste sentido, García destacou o valor que ten para o concello que dirixe coa producción e comercialización dos productos locais, entre os que a carne de boi pasará agora a ser "producto estrela".

Con todo, as pezas cárnicas dos animais criados en Allariz non só servirán ás xornadas, que este ano se celebrarán entre os días 2 e 18 de outubro, senón que a explotación de Lois González xa comezou a vender o producto no Mercado da Reserva da Biosfera, que se celebra os sábados pola mañá na Praza de Abastos. Deste xeito, "teremos a posibilidade de poder degustar carne de boi en calquera época do ano", en palabras de Francisco García.

O gandeiro alaricano Lois González perfilou as características máis técnicas dos catro bois que se consumirán nesta festa e que xa pasan dos cinco anos de idade. Pertencen ás razas autóctonas limiao, vianes e freirés e todos eles acadaron xa un peso de entre 400 e 500 kilogramos nun proceso de engorde realizado exclusivamente na granxa do Rego.



dúas semanas de degustación

As Xornadas de Carne de Boi, enmarcadas no proxecto "Allariz Sabe", celebran este ano a cuarta edición. Serán algo máis de dúas semanas nas que os restaurantes e taperías da zona servirán menús elaborados con este ingrediente. Como en edicións anteriores, haberá tamén concurso de tapas polos establecementos hosteleiros. Na edición do ano pasado participaron 11 restaurantes con menús especiais e unha ducia de locais con pinchos de boi.

Te puede interesar