A plataforma Plabali insta en Lobios unha homenaxe ao investigador Xosé Lamela

A petición súmase ao escrito remitido dende Cataluña para nomear ao escritor, falecido o pasado mes de xaneiro, fillo predilecto

A Plataforma para o desenvolvemento social, económico e natural sostible da Baixa Limia (Plabali) presentaba esta semana no Concello de Lobios unha solicitude formal para que a Corporación municipal realice unha homenaxe á figura do finado escritor, investigador, político e empresario de Padrendo (Lobios), Xosé Lamela Bautista.

O colectivo comarcal súmase así ás outras peticións feitas por veciños da bisbarra e mesmo de Cataluña onde estivo emigrado, co obxectivo de lembrar a memoria dunha persoa que fixo unha intensa labor de difusión e promoción da súa terra. Dende Plabali destacaban “a súa bonhomía, un grande destas terras do suroeste arraiano, e por iso, por ser dos bos e xenerosos, solicitamos á Corporación que teña ben acordar a celebración dunha homenaxe, dentro dos parámetros que por unanimidade sexan estimados por esa Corporación”.

O nomeamento, a título póstumo, como fillo predilecto de Lobios ou “bautizar” co seu nome a biblioteca municipal son outras das peticións feitas dende a emigración catalá e presentadas por Xulio Couxil, director do programa radiofónico do que Lamela foi director e correspondente.  O autor de “El Xurés y sus misterios” e “A Virxe do Xurés” firmou numerosos artigos e publicacións, moitos deles en La Región, e foi alcalde dende 2007 ao 2011.

Dende o Concello, a alcaldesa Mari Carmen Yáñez, amosou a súa intención de estudar “con todo o cariño e sensibilidade que corresponda” as distintas peticións que se rexistren nas oficinas municipais, ás que se lles dará unha resposta “que sirva para dar ese recordo á figura de Xosé Lamela como embaixador e investigador  da nosa comarca”.

Te puede interesar