Despois da vendima, vén a castañeira

Os soutos limpos, cos arellos nos lugares ladeiros xa arranxados, están a espera de regañaren os ourizos na ribeira. As primeiras castañas comezan a pingar polo 12 de outubro.
Apaña-las castañas é un traballo de paciencia e non tan doado como parece: hai que dobra-lo carrelo, os ourizos pican, hai que apandar cos sacos ata a pista máis próxima, porque as cabalerías fai tempo que desapareceron das carriozas e, por encima, empezan as chuviscadas do outono acompañadas dun vento rebuldeiro que adoita vir xogar coas follas.

Este ano, ó non chover, hai poucas e ruíns. As castañas bótanse ás cestas de madeira producindo un ruxido estrepitoso e seco: compre ter bo tino para encestalas todas. As mulleres usan máis o mandil que se baleira directamente no saco.

Pola noite, é costume asa-las castañas encima da prancha da cociña económica, acompañadas dalgúns cerrotes atopados nos soutos, sen esquecernos de amosegalas cun coitelo pequeno, porque a maior parte delas estouparían como petardos nunha festa.

A rebusca era a última colleita de castañas que se facía nos soutos. Esta xunta de castañas, máis pequeneiras, quedaban para ceba-los porcos ou para secalas no sequeiro para pilongas. As castañas, xa limpas, metíanse nunhas arcas grandes de madeira de castiñeiro que había no faiado. Durante todo o ano íanse comendo cocidas, acompañadas de chourizos, morcillas ou con leite.

A unidade de medida das castañas era o ferrado. As castañas foron o alimento básico de animais e persoas durante moitos séculos, xa que a pataca non veu da América ata o século XVI.

Te puede interesar
Más en Cartas al director