Tardes de teatro

Begoña, xa sei que “o dito, dito está”, como expresaches no teu discurso ao recibir o premio Maria Casares polo mellor guión adaptado de “A Esmorga”.
Desgraciadamente ti xa non estás, conmocionoume a túa partida pero eu necesito contarlle a todo o mundo que te coñeceu o anaco da túa memoria que eu conservo e forma parte do hoxe.
Son unha alumna do pasado de 36 anos, e que voltando atrás no tempo remexín na miña arca das doces lembranzas de xuventude e cheguei ate as tardes de teatro no IES “Otero Pedraio”. Destapaches coma Pandora a caixiña das emocións e dos sentimentos, saíron dela bágoas, sorrisos, as bolboretas que se nos poñían nos nosos estómagos, saíron daquela caixa actores, actrices, mestres… o “Caso da asasiña fumadora”, libreto baseado na obra de Rosa Montero “Te trataré como una reina”, no que me diches o papel de xornalista . Tiñamos que voltar ao pasado para reconstruir os feitos do presente… recursos escénicos que hoxe en día utilizo cos meus alumnos. Lembreime daquela música do Taller de Monicreques no “Pinoccio II” que usei fai catro anos nunha obra chamada “Todos a escea”. A túa xenerosidade abrumaba a calquera que se achegaba e nos deixaches moito de ti.
E certo que os que vivimos a experiencia do teatro levarémolo sempre nas nosas vidas. Aqueles momentos non voltarán, pero moitos seguimos botando a semente máxica do arte dramático nas nosas aulas para que os nosos alumnos a fagan xermolar. Para que a vida sexa por uns intres unha ilusión, un arte, un xogo que nós podemos controlar.
Begoña, non sei cando nos veremos ¡moita sorte! Ou, como ti nos ensinaches antes de saír a escea, ¡moita mierda!

Te puede interesar
Más en Cartas al director