Un documental e unha escultura lembrarán a Luís Soto Fernández

A Fundación Lois Peña Novo, co apoio da Xunta e do Concello, promove a homenaxe ao mestre e político galeguista

“Discurso para un país” é o lema da homenaxe a Luís Soto Fernández (1902-1981), que este sábado día 18 de setembro celebrarase a cabalo entre Celanova e Vilanova dos Infantes. O padroado da Fundación Lois Peña Novo e o colectivo Galeguizar Galicia promoven, co apoio económico da Secretaría xeral de Política Lingüística e a colaboración do Concello de Celanova, un acto de recoñecemento público a este mestre, escritor e político galeguista nado en Podentes (A Bola) pero coas súas raíces familiares no burgo medieval celanovés. “Luís Soto foi un persoeiro moi poliédrico, moi intenso, dende neno en Vilanova. Mestre republicano, moi comprometido con Galicia e a política galega, foi un home de esquerdas. Na diáspora, creou a revista Vieiro e acompañou nas suas xiras a Castelao con discursos moi importantes”, describía Carme Vaquero, guionista do documental de 50 minutos dirixido por Pío García que este sábado estrearase en Celanova.

Os actos comezarán ás doce do mediodía coa proxección da pieza audiovisual no Auditorio Municipal Ilduara para continuar, ás 13,30 horas na Praza Maior de Vilanova, onde se descubrirá un busto do mestre obra de José Morais.

Persoeiro esquecido

A programación é unha continuación ao proxecto de recuperación desta figura que se promoveu hai uns anos baixo o lema “O roteiro de Luís Soto” e que incluíu eventos en diferentes localidades vinculadas co vilanovés. “Hai persoeiros que permanecen esquecidos, nun segundo plano na nosa historia, e Soto é un deles”, reivinciaba Xosé González Martínez, presidente da Fundación Lois Peña Novo, quen coñeceu persoalmente a Soto na súa xuventude.

O colectivo tamén promoveu, a principios de 2020, un acto de recoñecemento a outro dos fillos ilustres celanoveses, Xosé Velo.

Contenido patrocinado

stats