O Festival Rebulir terá grupos de catro países

A programación inclúe, ademáis da gala central, exposicións, obradoiros e unha foliada itinerante

A Asociación Cultural Rebulir de Ramirás inicia a conta atrás para a celebración da décimo sexta edición do “Festival Internacional Rebulir” (FIR), que terá lugar do 16 ao 19 de decembro en diferentes escenarios de Celanova, Ourense e Ramirás. O colectivo acaba de dar a coñecer o programa, que neste ano 2021 amplía e diversifica actividades, e que conta cunha importante novidade: a asistencia aos actos en recintos pechados requirirá un pase previo.

Ao longo das vindeiras semanas, a organización irá explicando máis polo miúdo a programación, da cal xa se sabe que contará coa participación de cinco grupos de diferente nacionalidade na gala central que se desenvolverá no polideportivo de O Picouto (Ramirás). Pulpiño Viascón será o mestre de cerimonias nunha velada onde actuarán os grupos Rebulir (Galicia), Tangra (Bulgaria), Quitus (Ecuador), Mayalde (Salamanca) e Transmontuna (Portugal) e onde se entregarán os premios “Rebulir da Cultura Galega 2021” a Xabier Díaz, Xabarín Club (TVG) e Anxo Angueira.

A apertura da exposición “A Galicia imaxinada” será o acto inaugural do programa, o xoves as 13,00 horas no Centro Cultural O Picouto, nunha iniciativa coorganizada co Consello da Cultura Galega. Ese mesmo día, pero no Espazo Xove da cidade de Ourense, presentarase o libro “O Toque pechado” de Pablo Seoane e impartirase o obradoiro de danzas do mundo. No cartel que daban a coñecer estes días, inclúen actividades específicas cos nenos do colegio Rogelio García Yáñez e cos maiores da residencia O Mosteiro de Ramirás o venres e ambientacións musicais nas rúas e locais de Celanova e Ramirás ao longo do fin de semana, así como un concerto virtual de Alba Faro, a modo de clausura, o domingo. 

Te puede interesar