ecucación

Sabes que mercas ou por que?

Os alumnos elaboraron un informativo coas conclusións extraídas nas súas investigacións.
photo_camera Os alumnos elaboraron un informativo coas conclusións extraídas nas súas investigacións.

Os alumnos do IES de Celanova levan todo o curso traballando para darlle resposta a esta pregunta. As conclusións amosan que o comportamento á hora de mercar é tamén diferente entre homes e mulleres.

Un lema: "Cómprame a igualdade". Un obxectivo: demostrar que os cánones da publicidade e os nosos comportamentos van da man e varían entre homes e mulleres. Con estas dúas premisas, varios alumnos do IES Celanova levan boa parte do curso traballando, analizando anuncios e videoclips, realizando enquisas e desenvolvendo un traballo de campo que lles permitiu sensibilizarse coa cuestión de xénero e abrir os ollos ante unha realidade que ata entón lles era descoñecida. 

Coa profesora Irma Fernández á cabeza, estudantes de segundo, terceiro e cuarto da ESO aproveitaron a hora semanal de lectura e as titorías para avanzar no proxecto. Aínda que ó principio o recibiron co escepticismo propio das suxerencias que chegan dende o profesorado, "foilles interesando por fases e agora si que están moi integrados nel", explica a docente. Ese visionado da publicidade e das súas mensaxes, de curtametraxes con temática social ou a análise de artigos de prensa foi concienciando ós rapaces ata o punto de que "agora fíxanse en todo". De feito, "ás veces chegan o luns indignados por cousas que viron na fin de semana". 

A actividade global enmárcase no plan Proxecta da Consellería de Educación e tamén da iniciativa Galicons-net do Instituto Galego de Consumo, ofrecendo actividades e recursos para o alumnado, así como formación específica para o profesorado implicado nos proxectos. O seu concorre na modalidade "Consumo e xénero" e, por iso, unha das accións desenvolvidas consistíu nunha visita ó supermercado para observar o comportamento dos celanoveses á hora de mercar. "Extraemos conclusións moi interesantes", como que á hora de evitar o uso das bolsas de plástico son os homes os gañadores, se ben apostan por compras máis impulsivas. As mulleres, pola súa banda, apostan por unha visita máis meditada.

Outras das accións consistiron en establecer un debate sobre a legalidade ou prohibición da prostitución, en reflexionar sobre o consumismo ou en analizar os hábitos alimenticios arredor do mundo. Estas e moitas outras están volcadas na páxina web "comprameaigualdade.blogspot.com".

Como colofón de todo o aprendido, os alumnos da ESO de Celanova realizaron un traballo audiovisual que, a modo de informativo, vai recollendo tódalas preguntas formuladas polos equipos de traballo coas conclusións ás que chegaron despois das súas investigacións. 

Agora, coa fin de curso cada vez máis próxima, os membros deste proxecto liderado por Irma Fernández prevén unha última proposta levando por bandeira o "activismo" que caracterizou toda a iniciativa. O luns montarán unha carpa na Praza Maior de Celanova. Alí permanecerán durante toda a tarde amosando as pancartas que foron elaborando ó longo do curso centradas nos diferentes aspectos tratados, a proxección do vídeo informativo e aproveitarán para continuar realizando enquisas sobre os hábitos de consumo dos seus veciños.

Te puede interesar