Xoán Carlos Domínguez: “A toponimia forma parte do noso ADN, se non se bota man dela, perderase”

Escudeiros, no concello de Ramirás, é a referencia da antiga actividade mineira da zona do Arnoia e, aínda que o patrón parroquial é San Xoán, hai anos que os veciños instauraron no calendario unha celebración popular ao redor de Santa Bárbara (patroa dos mineiros) nos primeiros días de setembro. Unha festividade que tiña lugar esta fin de semana e que serviu para que un dos seus conveciños, o escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, presentase “ Nomes”.

Que tal a acollida?

Como sempre que se xoga na casa, cos da casa, un gusto. Para este fin de semana viñeron ademáis veciños de Málaga, de París. Nós non traemos á Panorama, a tradición é organizar unha comida na carballeira e pequenos actos culturais e literarios. Son un clásico en setembro. Por aquí pasaron Alonso Montero, Ramón Nicolás, os editores de Xerais e Galaxia…. Eu mesmo xa presentei outros libros antes.

Fixen o libro para reivindicar, dar uso e vida a nosa toponimia

Como definiría “Nomes”?

É un libro que fixen para reivindicar, dar vida e uso a nosa toponimia tradicional. Hai nomes propios e tamén universais do territorio galego, que están en Escudeiros pero tamén en outras aldeas galegas. A finalidade do libro, aínda que é para todo o mundo, é achegarlle a toponimia ao alumnado máis novo e urbano. Para que a coñezcan e a utilicen, porque forman parte da nosa identidade.

Os actos culturais de Escudeiros en setembro son un clásico

Está a toponímia na lista vermella?

Se non se bota man dela, claro que se perderá. Pasamos dunha sociedade agraria tradicional a unha no que o gandeiro está abandonado. Hoxe temos unha poboación maioritariamente urbana que non ten contacto co rural, e mesmo no rural, os meus alumnos que son da Baixa Limia, descoñecen moita da toponimia das súas aldeas. A miña proposta con este libro é transmitir eses nomes comúns que forman parte do noso ADN.

Somos dos máis fértiles e fecundos de occidente en materia poética

En que está traballando agora?

Pódovos adiantar dous proxectos. Por un lado estou traballando nunha escolma poética ao redor do patrimonio celanovés, non só do concello, senón da comarca. Somos dos máis fértiles e fecundos de occidente en materia poética. E, de cara ao mes de outubro, presentaremos un proxecto-libro na Casa dos Poetas  con fotos e poemas que levará por nome “Entrevistas”. É unha dobre mirada sobre a realidade con imaxes de Juan Vila, un magnífico fotógrafo afeccionado e mestre na vila, e poemas meus.

Te puede interesar