Anxo Lorenzo aposta pola 'implicación do sector privado' na cultura ante a súa 'dependencia de axudas públicas'

O PSdeG denuncia un recorte do '70% en cultura e o BNG acusa á Xunta de 'atrasar axudas' do Agadic para que 'non se paguen' en 2012

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, apostou pola 'implicación do sector privado' na cultura galega nun momento de 'dificultades económicas' no que os axentes do sector teñen unha 'excesiva dependencia' das axudas publicas. Unha cuestión que a oposición rexeitou ao considerar que é unha 'absoluta mentira' e que o que 'en realidade' ten a cultura galega 'é un importante déficit de apoio público' por parte da Xunta.

As acusacións de 'déficit de apoio público' foron consideradas polo secretario xeral como 'parte do teatro' da oposición no Parlamento, onde 'están para iso, a parte de para outras cousas', unhas afirmacións que foron censuradas polos grupos socialistas e nacionalistas ao considerar que o secretario xeral 'insultou a todos os galegos' ao 'comparar o Parlamento cun teatro'. Este altercado motivou que a sesión fose suspendida uns cinco minutos.

Na súa intervención, o secretario xeral asegurou que en Galicia o apoio público tivo 'aspectos positivos' para a 'difusión e a creatividade' da cultura, pero tamén outros 'menos positivos' como 'a excesiva dependencia' de subvencións por parte dos axentes, cuestións que, como indicou, 'obrigaron nos últimos anos a realizar novos esforzos' orientados a crear unha 'nova formulación cultural' na que 'debe de estar implicado o sector privado'.

Esta idea foi cualificada pola deputada do PSdeG Concepción Burgo como unha 'auténtica burla' e 'unha mostra' da intención do PP de 'levar todas as cousas ao mercado' pois, ao seu xuízo, os propios presupostos da Xunta 'reflicten unha redución do 70 por cento' dos fondos destinados a un sector que 'supón o dous por cento do Produto Interior Bruto' da Comunidade.

Un rexeitamento que tamén mostrou o grupo nacionalista, pois, como indicou o seu voceiro parlamentaria, Ana Pontón, 'se algo ten a cultura galega é déficit de apoio público', un apoio que, segundo denunciou, 'a Xunta si presta a artistas foráneos mentres recorta subvencións aos galegos'.

Con todo, a deputada do PPdeG Marisol Piñeiro valorou a intención do secretario xeral de 'adaptar a xestión cultural á situación que toca vivir' e destacou a 'creatividade, altura e apertura de miras' de Lorenzo pola súa aposta de 'vincular a cultura con outros sectores económicos para darlle valor engadido'.

Precisamente, na sesión parlametaria, Anxo Lorenzo, que matizou que 'axudas ten que seguir habendo pero con menor dependencia', tamén anunciou a 'inminente publicación nos próximos días de diferentes convocatorias de subvencións para 2012, como as destinadas á produción audiovisual en lingua galega -con 2,9 millóns de euros-, as axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a música e as artes escénicas -1,2 millóns- e unha nova liña de apoio a festivais musicais -que terá un fondo de 200.000 euros- .

En este apartado, o BNG e PSdeG criticou que convoque estas axudas 'con atraso' e cando 'aínda están sin pagar moitas das axudas do Agadic para 2011', un órgano que, como asegurou a deputada nacionalista, 'ten débedas con todos os axentes culturais de Galicia'. Así, Pontón acusou ao Goberno galego de 'atrasar a publicación' das subvencións para 'que sexa imposible que poidan ser pagadas' neste exercicio.

'CENSURA' NO CDG

Na sesión, os grupos parlamentarios nacionalista e socialista acusaron ao responsable de Cultura de 'exercer a censura' e de levar a cabo 'unha involución democrática' despois de que a directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, fose destituída do seu cargo por permitir a Escena Galega realizar un acto no Salón Teatro.

Fronte a estas acusacións, Anxo Lorenzo rexeitou que este feito se debese a cuestións de 'censura' e indicou que 'o Salón Teatro se pediu para unha actividade distinta á que ían realizar'. 'Se se pide un espazo para unha cousa e logo fan outra, están a incumprir o que recolle a solicitude e, polo tanto, se denega', puntualizou.

Así mesmo, asegurou que a destitución de Cendán tivo que ver 'coa eficiencia na xestión' e avanzou que, nas próximas semanas, 'haberá unha nova dirección do Centro Dramático Galego' porque este órgano 'ten que seguir sendo en centro de referencia do teatro galego estea a persoa A ou B ao seu cargo'.

'OPTIMIZAR CONTIDOS' NO GAIÁS

Na súa intervención, Anxo Lorenzo tamén se referiu á Cidade da Cultura, asegurando que 'este é o momento de facer rendible a inversión na infraestrutura cunha liña clara de explotación e activación do complexo'. Obxectivo para o cal, como apuntou, o Goberno pretende 'rentabilizar os catro edificios rematados' e estuda 'as solucións máis axeitadas para os dous edificios restantes'.

A este respecto, asegurou que a Xunta busca converter o Gaiás nun 'polo de desenvolvemento cultural que contribúa á dinamización do tecido produtivo' para o que considerou necesario 'optimizar contidos fronte a obras'. Esta cuestión, como avanzou, será unha das que recolla o Plan Estratéxico da Cidade da Cultura do que, aínda que asegurou que se publicará nesta lexislatura, non detallou a data.

Así mesmo, indicou que o Goberno galego 'intentará conseguir' que o Executivo estatal inverta na Cidade da Cultura, unha iniciativa que, como asegurou, 'non se conseguiu en oito anos de Goberno socialista' que 'se destinou fondos a outras actividades como a fórmula unha en Valencia'.

Ademais, tamén acusou PSdeG e BNG de levar a cabo 'a irresponsabilidade' na oposición ao avogar por 'paralizar e pasar o tipex pola Cidade da Cultura', cuestión que tamén foi defendida pola deputada popular Marisol Piñeiro, que criticou que a oposición 'se move na contradición'. Así, recordou que cando o bipartito gobernou destinou '178 millóns nela' mentres que, agora BNG e PSdeG 'din non ao Gaiás' e mesmo poden pretender que veña a nada e que a leve'.

Por último, a deputada popular Marisol Piñeiro valorou a 'planificación' levada a cabo en materia de Cultura por Anxo Lorenzo 'a pesar das dificultades' e da 'oposición' e destacou a intención do Goberno galego de desenvolver 'un modelo de políticas culturais dirixido a todos os galegos' e que 'desvincule políticas de fomento cultural dos postulados ideolóxicos do partido que goberne'.

Estas valoracións foron rexeitadas polo BNG que, tal e como indicou Ana Pontón, ve 'unha mala noticia' o 'mandato' de Anxo Lorenzo, ao que acusou de ser 'un mercenario ao servizo do Partido Popular' que 'nunca poderá apoiar a cultura'.

Te puede interesar