Cultura

Arte da histórica asociación Abrente en Ribadavia

Cultura

ARTE ET ALIA

Arte da histórica asociación Abrente en Ribadavia

De Dios, Xoán G., Mercedes Ruibal e Datas.
photo_cameraDe Dios, Xoán G., Mercedes Ruibal e Datas.

No antigo Pazo de Baamonde da vila de Ribadavia, dependente agora da Xunta de Galicia como Museo Etnolóxico, amósase ao público a colección de arte da Asociación Cultural Abrente, co título “Arte galega no desafío cultural dos anos 70”. Esta asociación tivo o seu desenrolo entre os anos 1969 e 1983, en que se disolveu, unha vida de case tres lustros decisivos para a configuración de España como Estado, pois foron os derradeiros anos da ditadura militar do Xeneral Franco e os primeiros da democracia, co sistema de Monarquía parlamentaria. E cando o PSOE sucede a UCD en 1982, o que propicia a disolución deste último partido no ano seguinte, farao tamén Abrente. En 1986 decidiron entregar en depósito no Etnolóxico os seus fondos documentais e artísticos, daquela aínda Museo de Artes y Costumbres Populares. E agora, sendo director César Llana, chega esta exposición da que é comisaria Sabela Fraga Costa, e se está a desenvolver até o próximo febreiro. Será a primeira das tres previstas, dado o volume dos fondos plásticos do legado, cincuenta e oito obras de vinte e nove artistas en total. A programación de arte deles iniciouse en 1969 cunha charla de Xaime Quessada mais o artista non chegou a dala... Dende entón fixeron mostras cerámicas como a de Castro e Sargadelos, de Banda Deseñada/Cómic, algunhas conferencias caso da de López Cid, os gravados de Conde Corbal inspirados en Valle Inclán ou os decorados de Seoane para a obra de Carlos Casares ‘As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas’. E tamén unha exposición antolóxica de Vidal Souto, unha colectiva de artistas galegos, e outra na praza da antiga igrexa da Magdalena, que foron fitos culturais. Hai que salientar a acción plástica do cartel da Mostra de Teatro Galego como unha constante, encargado respectivamente ao Grupo 77, Conde Corbal, De Dios, Enrique Conde, Mercedes Ruibal e Xoán González Otero, sendo o derradeiro encargado a Virxilio, en 1980. O propio Xoan G. fixo en 1977 o deseño e ilustración da obra premiada por Abrente do profesor e escritor Camilo Fernández González ‘Valdeorras’ «Progreso e Andrómeda de Antroido». 

Na sala colgan as obras, acompañadas de paneis e vitrinas, con material bibliográfico e documental. Atopar nela a Ortiz con ‘A resolucion dos problemas con energía e firmeza’, gravado explícito alusivo á dureza militar ou, ao seu carón, o cartel deseñado por Quessada para Comisións Obreiras en 1968, reprodución esta de 1973, que é un expresionista prisioneiro atado de pés e mans, xeran pegadas emocionais. Velaquí a colaboración dun feixe de creadores comprometidos coa loita e resistencia antifranquista dende as súas expresións de arte. Como tamén, aínda que doutro xeito,  

As obras de Virxilio, con dous pequenos gravados, un óleo de 1971 de Alberto Datas, ou as dúas obras de Acisclo, unha terracota, e unha figura masculina deitada, cadro de cando firmaba aínda A. Manzano. Destaca o acaído debuxo de Xoán G. Otero, dun xeito que unicamente hoxe en día faría Fernando Barreira. Estaremos atentos ás próximas mostras deste ronsel de arte e cultura con Ribadavia como centro.