A bolboretiña do día | Facer anos

A pouco que nos descoidemos xa estamos facendo un ano máis. Ou menos, cuestión de perspectiva. E para o facer anos e as súas festas só en castelán e italiano, usan “cumpleaños” (desde mediados do XVIII), ou “compleanno”. Outras linguas usan “tornar” (The girl turned 21 years old), “completar”, no Brasil “a garota completou vinte anos”. En galego non debemos usar “cumprir” anos, non “cumpreanos”, porque a pesar de que cómpre -é preciso- que sigamos facendo anos para seguir vivos, non se “cumpre” ningunha promesa, nin ordes, nin nada diso. Facer anos é a expresión nosa e de Portugal, “A moza fai vinte anos en maio”. Non confundir, claro, co uso temporal do verbo haber: “A moza hai vinte días que non vén pola casa”. Así a unha persoa que fai anos, podémoslle facer unha festa de aniversario, como a festa do aniversario da voda. Para as mortes, especializamos a palabra “cabodano” e iso que en puridade só significa que pasou un ano. Pero mellor que a ninguén se lle ocorra dicir que lle vai facer unha festa de cabodano ao fillo cos amiguiños.

Te puede interesar