A bolboretiña do día | "Gambas ala guilho"

Andaba eu a preparar uns mexillóns en escabeche -palabra que vén do persa a través do árabe co mesmo significado que nós lle damos nas linguas da península- e relacionada con ceviche, xa saben, o peixe cru ese dos peruanos, e vin varios titoriais portugueses. E alí me topei con cociñeiros profesionais que daban as súas receitas para as “Gambas Ala Guilho”. Tiven que rir con esa malísima adaptación do castelán “Gambas al ajillo”. Chamábanlle, a maioría, “camarão” que é o nome xenérico máis alá do tamaño, aínda que tamén algúns  dicían “gamba”, e, cando non trataban de imitar ao castelán co de  “ala guilho”, dicían, “ao alho”, con toda lóxica. E como lle chaman noutras linguas? “Gambes amb allada” en catalán; “gamberi con salsa all’aglio”, en italiano; crevettes roses à l’aillade” en francés. Eu, en galego, vexo máis o de “gambas ao allo” ou algo así,  que usar a palabra “allada” ocupaba xa por ese delicioso prebe ou mollo de allo, pemento doce, loureiro e un golpiño de vinagre, propio dos peixes cocidos e parente do escabeche no que andaba ao principio. 

Te puede interesar