A bolboretiña do día | Coresma e cartos

Onte falei da Pascoa, hoxe imos coa Coresma. Chámase tal porque vén do latín “quadragesima” referencia, en número ordinal, aos famosos corenta días de recollemento, xexún ou penitencia. Ese latín deu en castelán, catalán e portugués, a forma Cuaresma/ Quaresma. En italiano, “Quaresima” e en francés “Carême” No galego dos séculos XIII e XIV, era Quaresma, pero xa no século XV Coresma, cunha evolución paralela ao “corenta” do numeral. A evolución normal, para palabras gastadiñas que están connosco desde os romanos, é que dese qua- ou gua- iniciais, se pasase a ca- ou ga- . Ou sexa, o máis habitual e estándar é dicir, por exemplo: “Cantos cartos tes?” ou “A gadaña, prá herba”. No sur de Ourense, como en Portugal consérvase o U. Así, é normal oír “Hai que ter conta dos cuartos”. E as formas con U, conservábanse sempre nas palabras cultas como “cuarzo” ou “cuarto”, de partitivo ou ordinal. Así, o cuarto minguante é unha fase da lúa, e os cartos minguantes, cousa da inflación.

Te puede interesar