A exposición sobre o 50 aniversario de 'Memorias dun neno labrego' chega a Santiago da man do seu 'pai' literario

Foto: EUROPA PRESS
Xosé Neira Vilas regresa 'emocionado' á primeira cidade que visitou 'como un Balbino máis'
A exposición 'Querido Balbino 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego' foi inaugurada este venres na biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela e na súa apertura estivo presente o escritor Xosé Neira Vilas, 'pai literario' de Balbino, un personaxe cualificado como 'o Harry Potter galego' pola universalidade que alcanzou durante os 50 anos de vida do libro.

Durante o acto de presentación, o escritor pontevedrés resaltou o especial valor de que a mostra chegue á 'primeira cidade' que visitou na súa infancia, cando era 'un Balbino máis'. Segundo relatou, nela puido ver por primeira vez 'casas altas e pegadas', tras percorrer os 25 quilómetros que a separaban da súa aldea natal, 'toda unha aventura naquela época', asegurou.

Así, cualificou de 'emotivo' o seu regreso 'da man dun neno de papel chamado Balbino, que a pesar da notoriedade alcanzada, continúa coa mesma humildade, afán por saber e rebeldía' que mostraba hai 50 anos baixo a pluma do escritor que, por aquel tempo, residía na cidade arxentina de Bos Aires.

No acto tamén estiveron presentes os responsables e colaboradores desta iniciativa, entre eles, o director xeral da Editorial Galaxia, 'amigo e editor' do literato, Víctor Freixanes, quen recordou que a novela é ben acollida aínda hoxe por nenos e adolescentes, aínda cando a literatura galega vive 'acomodada a unha franxa de idade que rolda os 50 anos'.

Ademais, sinalou que Neira Vilas é un 'activista dos libros e da lingua', e neste sentido apuntou que, despois de vender uns 700.000 exemplares da súa novela insigne, o autor de Vila de Cruces continúa coa súa produción literaria, e que dentro de poucos meses sumará unha nova publicación inédita á súa obra.

VALORES VIXENTES

Así mesmo, o comisario da exposición, Valentín García Gómez, resaltou que, a pesar do tempo transcorrido tras a concepción da obra, seguen vixentes moitos valores 'que hai que reforzar e inculcar', como o 'amor aos animais, a unidade familiar ou Galicia'.

Pola súa banda, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez, invitou a 'ler e reler' esta novela 'para coñecerse un pouco máis', e proclamou a universalidade do seu protagonista Balbino, cuxas experiencias foron traducidas a multitude de idiomas como inglés, alemán, chinés, húngaro, romanés ou esperanto, entre outras.

O director xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, pechou o acto agradecendo a implicación da biblioteca Ánxel Casal na organización da mostra, á que contribuíu cunha exposición de libros do autor e cun grande mural elaborado por 25 nenos, que presidiu o escenario da presentación.

Ademais, Lorenzo coincidiu cos demais oradores en recalcar o valor de que unha obra sobre a infancia de hai medio século siga entusiasmando a 'xeracións radicalmente diferentes', e agradeceu a colaboración institucional na posta en marcha deste proxecto de recoñecemento da obra máis difundida da literatura galega.

ACTIVIDADES

A exposición que homenaxea o medio século de vida de 'Memorias dun neno labrego' consta dun 'túnel' con fotografías que ilustran a vida do narrador, poeta, xornalista e ensaísta galego, completadas con datos sobre a súa biografía.

Ademais, conta con 12 pinturas doutros tantos artistas galegos que plasmaron sobre tea a imaxe do pequeno Balbino que lles inspiran as descricións de Neira Vilas. Así, pintores e debuxantes como Antón Pulido, Paco Lareu, Xaquín Marín, Chema Pazos, ou Sabela Arias, entre outros, enriqueceron a mostra coas súas ilustracións.

Así, os organizadores invitaron a todos a acudir á mostra, que permanecerá estes días na cidade compostelana, así como á proxección do documental de Israel González e Isaac Leira, 'Neira Vilas: memorias dun neno labrego', que terá lugar o próximo 15 de setembro ás 19.00 horas nas inmediacións da biblioteca.

Te puede interesar