Cultura

“Fariña' é inesgotable e unha historia actual, non hai máis que saír un sábado pola noite"

Cultura

Entrevista

“Fariña' é inesgotable e unha historia actual, non hai máis que saír un sábado pola noite"

Tito Asorey, o ourensán que dirixe "Fariña".
photo_cameraTito Asorey, o ourensán que dirixe "Fariña".
O ourensán Tito Asorey dirixe a adaptación teatral do bum mediático “Fariña” sobre o narcotráfico galego

Escrito primeiro por Nacho Carretero e levado despois a pequena pantalla, o fenómeno dos narcos volve con talento de As Burgas. O reto de non aburrir ao espectador coa terceira visión de “Fariña” está superado: así o acreditao o inicio da xira galega, que dende o pasado 25 de outubro na Coruña esgotou entradas moi rápido. A Ourense chega en dúas sesións os 17 e 18 de xaneiro, ás 20,30 horas no Auditorio Municipal. Aínda quedan máis de dous meses para a estrea na cidade e os tickets xa voan. 

Aínda falta tempo para chegar a Ourense e xa están moitas entradas esgotadas...

Estamos encantados coa resposta da xente e máis de que sexa na cidade de onde son.

Despois do libro e da serie, como se afronta o reto dunha obra de teatro?

Tiñamos claro que nos tiñamos que despegar da serie e irnos máis aos feitos contados no libro, aproveitando o que ten o teatro para contar a historia e esas mil persoas que van a estar nas butacas, esa sociedade que se reúne para que lle poñan diante un espello. A obra parte desa concepción de poñer o foco no social, na responsabilidade da sociedade para evitar que o drama do narcotráfico sucedera no noso país. A peza ten varias caras: esperpéntica, satírica, dramática, tráxica… As mesmas caras que o propio fenómeno do narcotráfico.

“Outra vez Fariña”. Non tiña medo das reaccións?

Si, claro. Pero fixémolo tendo iso na cabeza. A xente di que dende o minuto dous da obra olvídaste da serie. Fariña é inesgotable.

A figura do narco queda nun segundo plano?

Si, hai cousas que xa están moi ben contadas na serie. A figura do narco aparece por alí e hai un xogo de recoñecemento, peor poñemos o foco na nosa sociedade: a quen beneficiou e a quen perxudicou toda esta entrada masiva de cocaína, hachís...

É unha obra actual?

Totalmente, non hai máis que saír un sábado pola noite. "Fariña" non é unha historia do pasado, non remata coa Nécora. É unha historia que busca as raíces do noso presente. Segue a entrar moitísima droga polas nosas costas. O libro de Nacho Carretero é do presente.

Carretero é produtor da obra, con Touriñán. Tiñan un especial interés por levala ao teatro?

Si. Foi idea de Touriñán e comentoulla a Carretero. Foron con todo. Tiñan claro que querían un espectáculo con potencia. 

Que mostra o teatro que non fixeran as outras adaptacións?

Todo o potencial teatral e social. É outra arte. Hai moita apelación ao público, comedia, música…

Ten banda sonora propia.

A música está tocada polos propios actores: Touriñán, Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta e Cristina Iglesias. Ademais, Novedades Carminha fixo un tema propio: “Que mal vai ter?”

O libro chegaron a prohibilo, Oubiña demandou a produtora da serie… xa lles pasou algo coa obra?

Non, e espero que non. Quen a vexa verá que é unha peza que xoga moito cos referentes, a veces non fai falta dicir as cousas para que se entenda de que se fala e de quen se está falando.