Novacaixagalicia pide autorización ao seu consello de administración para vender a participación en Calvo e Transmonbus

O consello de administración de Novacaixagalicia deu a súa autorización para a venda das participacións que a entidade ten nas empresas galegas Calvo e Transmonbús e busca compradores para outras accións da súa carteira, dentro do plan interno para reducir nuns 500 millóns de euros as súas necesidades de capital.
A caixa pediu hai uns días o permiso para iniciar a venda do 11,1% que ten en Calvo -a través de Ponto Inversiones, na que Caixanova controlaba o 50%- e o 34% de Transmonbús, unha participación procedente tamén desta caixa. Fontes do consello apuntaron que a operación non está pechada pero cando se solicita a autorización débese a que a entidade xa entaboou contactos previos con posibles compradores.

Así mesmo, incidiron en que a entidade busca desprenderse de máis participacións en empresas, co fin de reforzar o seu capital principal e reducir as necesidades de fondos privados e do Estado (a través do FROB) para alcanzar o 10% de core capital en setembro.

Dende o seu nacemento como tal, tras a fusión de Caixa Galicia e Caixanova, en decembro de 2010, a caixa desprendeuse das súas accións en varias empresas. Así, en febreiro vendeu por 67,3 millóns o 2,2% que tiña na concesionaria de autoestradas portuguesa Brisa por un importe de 67,32 millóns de euros e o 1,19% do capital da eléctrica EDP-Enerxías de Portugal por 123,4 millóns de euros, cunha plusvalía de 16,2 millóns de euros.

Así mesmo, nas últimas semanas pechou a venda da maior parte dos títulos que posuía en Pescanova, co que ingresou 141,4 millóns de euros pola venda dun 24,1% do capital da multinacional. A plusvalía bruta acumulada alcanza os 30,7 millóns.

Con estas operacións, a caixa busca reducir as súas necesidades de capital para cumprir os requisitos establecidos no decreto de reforzamento do sistema financeiro aprobado en febreiro. En calquera caso, ten en marcha a creación de NCG Banco, ao que transferirá o negocio previsiblemente a finais de agosto e no conxunto de accionistas da cal dará entrada ao FROB e a investidores privados, nun proceso que liderará como presidente da nova entidade José María Castellano.

Te puede interesar