Entroido 2020

Lume, fachóns e corozas, comitiva do tradicional colgamento do meco

A vila, que vibrou co son dos tambores, regresou aos anos 20 para celebrar unha das noites máis especiais de todo o ciclo

Ao berro de "aouh" os limiaos deixaron colgado o meco na Praza Maior. Antes do ritual, que marca o inicio do Entroido na vila, unha gran comitiva conformada por fachóns, corozas e músicos percorreu o centro da vila e a rúa dos viños. O lume e o son dos tambores foron os verdadeiros protagonistas dunha das noites máis espectaculares de todo o Entroido. 

A comitiva chegou ata a Praza Maior, onde esperaban centenares de veciños caracterizados da época dos anos 20. Dende os máis pequenos ata os "entroideiros" de toda a vida, ninguén faltou á cita.

A festa continuou polos bares do casco vello ata as 23,00 horas, momento no que comezaron os concertos organizados pola comisión de festas. Xosé Lois Romero e Aliboria foron os primeiros en subirse ao escenario e ofreceron unha actuación musical que se prolongou ata as 01,00 horas. Nese momento foi a quenda de Baiuca, que mesturou o son galego tradicional co estilo máis electrónico. Os máis festeiros continuaron a troula ata ben entrada a mañá. 

O Entroido de Xinzo continuará hoxe co segundo dos domingos tradicionais: o Oleiro. O infantil comezará ás 12,30 horas e o de adultos ás 16,30 horas. Pepe Vaamonde Grupo recuperará o baile de mascaritas na praza Maior.

Te puede interesar