Entroido 2023: As mázcaras danzan ao son do folión en Placín, Manzaneda

Pasaban das once da mañá e as cores das mázcaras comezaban a achegarse ao punto de inicio da ronda do folión pola pequena aldea de Placín, no concello de Manzaneda.
Bombos, aixadas, sachos, gadañas e cornas do folión da Mourela “pra acá” reuníanse na entrada da aldea coas elegantes mázcaras. Alí pedían o permiso para poder entrar. Tal e como manda a tradición, en forma de verso e comentando a actualidade do ano, unha das mázcaras solicitaba poder comezar a tocar. Unha das veciñas de Placín, daba a contestación tamén en verso e co permiso dado as esquilas das mázcaras resoaban seguidas polo son do folión.

Daba comezo a ronda polas rúas da pequena aldea, con centos de veciños tocando e acompañando ese ritmo telúrico. A tradición entroideira vívese con relevo xeneracional neste pequeno territorio do Macizo Central, onde moitos cativos ían vestidos de mázcaras bailando cos seus pais.

Tras facer vibrar as rúas do pobo co ruxir dos bombos, unha carpa acollía ao público asistente para que tomasen asento e gozaran da mellor das foliadas.

Daban comenzo varias obras de teatro que crean entre os propios veciños da Mourela “pra acá”. Nelas tratan temas de actualidade por todos coñecidos, como a morte da raíña de Inglaterra, pero todo con ton de humor e meténdose cos veciños de cada pobo, anunciando ata as próximas vodas. No Entroido, a ninguén lle parece mal que se metan con el, xa que é tempo de disputas e todo está permitido nas súas foliadas.

A carpa converteuse nun gran comedor ao remate do espectáculo. Máis de 200 persoas degustaron empanada, chourizo cocido e carne ao caldeiro. Non faltaron nin o viño nin a bica. Finalmente, a fariña deixou a todos ben brancos.

Te puede interesar