O alcalde da Coruña di que as dúas ofertas para a fábrica de armas confirma que "pelexar as cousas merece a pena"

Fixa para este mes o inicio das obras de rehabilitación do edificio de Tabacos.

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, manifestou que as dúas ofertas presentadas para a xestión das instalacións da fábrica de armas da Coruña, unha por parte de Hércules de Armamento e outra polo grupo empresarial IFFE de Oleiros, confirma que "pelexar as cousas merece a pena".

Mentres, preguntado pola rehabilitación da antiga Fábrica de Tabacos como futura sede xudicial, fixou para este mes o inicio das obras, tras resolverse os recursos pendentes contra a adxudicación da dirección de obra.

Sobre a fábrica de armas, Negreira subliñou que chegar á situación actual supuxo "un camiño difícil". "Pero pagou a pena", apostilou tras contrapoñer a política do PP coa do bipartito.

"Outros en 2009 consideraban no plan xeral -dixo sobre o ordenamento urbanístico- os terreos para vivendas e non pelexaban polo futuro industrial nesa zona".

Agora, recalcou que haberá que esperar a determinar se as dúas ofertas "son aptas para que o Ministerio de Defensa poida outorgar un desenvolvemento industrial", sinalou.

FÁBRICA DE TABACOS

En canto á rehabilitación da Fábrica de Tabacos para convertela en sede xudicial, manifestou que "neste mes comezarán as obras". "Espero que empecen canto antes", afirmou, tras recalcar que "non hai ningún obstáculo" despois de que se resolveron os recursos pendentes.

"É unha boa noticia", indicou tamén o rexedor, quen admitiu as dificultades vinculadas á execución deste proxecto, dende o peche da fábrica no ano 2002 e tras a colocación "dunha primeira pedra en 2006 que non tivo continuidade", apuntou sobre a xestión do bipartito.

Te puede interesar