Ingresa en prisión unha muller acusada de catro incendios forestais en Arbo

O Xulgado de Instrución de Ponteareas ordenou o ingreso en prisión dunha muller detida pola Policía autonómica como suposta autora de catro incendios forestais este mes, que puxeron en perigo vivendas.
A Xunta informou de que axentes da xefatura local de Vigo da Policía autonómica detiveron a muller, veciña de Crecente, como presunta autora de catro lumes nos montes de Arbo (Pontevedra).

Como consecuencia da vaga de lumes que afectaron este mes de xaneiro á parroquia de Cerqueliños, en Arbo, a unidade de investigación da Policía autonómica comezou un dispositivo de vixilancia na zona para o seu esclarecemento.

Todos os lumes presentaban o mesmo 'modus operandi' en relación cos seus comezos e franxas horarias e todos eles se orixinaron no mesmo sitio.

Das xestións practicadas, así como das declaracións testemuñais, os axentes detiveron a presunta autora dos lumes, que xa fora detida en maio do pasado ano por outros lumes acontecidos na mesma zona.

A Policía autonómica apuntara que estes incendios puxeran en perigo as vivendas máis próximas, e impedíronse danos maiores pola rápida intervención dos medios de extinción.

Por estes feitos, instruíronse dilixencias, que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Ponteareas, que ordenou o ingreso en prisión da muller.

Te puede interesar