Máis axudas para os comedores escolares

Unha nena colle o plato nun comedor
A Consellería de Educación aumentará nun 10 por cento sobre o ano anterior o importe das axudas económicas destinadas a cofinanciar os comedores xestionados polas asociacións de pais e nais de alumnos (ANPAs) de centros públicos non universitarios -177 comedores, dos que se benefician uns 10.364 alumnos-.
Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao termo do Consello da Xunta, onde explicou que no próximo ano académico 2010-2011 haberá máis de 1,2 millóns de euros para apoiar estas asociacións e contribuír a sufragar o custo do menú, así como a vixilancia e coidado de alumnos, entre outras actuacións.

Ademais, e por primeira vez este ano, as achegas económicas poderán destinarse a sufragar os gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.


MÁIS PRAZAS

Este é o segundo curso consecutivo no que a Consellería de Educación incrementa o importe destas axudas, que xa se viron 'aumentadas' nun 10 por cento no pasado ano escolar 2009-2010 e supoñen un 20 por cento máis da contía existente no momento de cambio da lexislatura. 'En vez de deixar un déficit de 4,5 millóns no pagamento de comedores, traballamos para pagar o que se debía, aumentar en 2.500 as prazas, todas públicas, e agora aumentamos un 20 por cento as axudas ás ANPAs que xestionan comedores escolares', concluíu Feijóo.

Te puede interesar