OPERACIÓN PATOS

A UDEF ve "patente" o tráfico de influencias nunha obra de Eiriña no Porto de Vigo

A documentación intervidapermiten concluír que a obra de ampliación do posto de control anexo ao escáner de colectores  tramitouse de forma irregular.

A Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional ve "patente" o tráfico de influencias na adxudicación dunha obra á empresa Eiriña (unha das principais investigadas na Operación Patos) por parte da Autoridade Portuaria de Vigo, e cree que se puido vulnerar a legalidade con coñecemento de, polo menos, un técnico do Porto e a directora do organismo.

Segundo figura nun dos informes policiais incluído no sumario deste caso, a documentación intervida, xunto coas escoitas telefónicas, permiten concluír que a obra de ampliación do posto de control anexo ao escáner de colectores (adxudicada en decembro de 2013 a Eiriña por algo máis de 26.000 euros, sen incluír o IVE) tramitouse de forma irregular.

En primeiro lugar, a Policía fai constar que, para dotar ao procedemento de "aparencia de legalidade", se lle solicita a Eiriña que entregue outros dous presupostos doutras tantas sinaturas. Así, a empresa de Enrique Alonso Pais (imputado na causa) consegue que haxa outras dúas ofertas, a sabendas de que serán máis baixas que a súa.

Nas escoitas telefónicas, a UDEF reflicte conversacións do directivo de Eiriña, Jaime Alvariñas (tamén imputado), co xefe da División de Proxectos do Porto, Enrique E.P., nas que supostamente falan da forma de amañar o procedemento para beneficiar á construtora.

Así mesmo, constan no sumario afirmacións de Alonso Pais sobre supostos encontros co presidente do Porto, Ignacio López Chaves, sobre o que "exercería presións", segundo a Policía, para axilizar esa obra. "...estuve co presidente, que o tema do Porto ese vai para adiante...", trasládalle Alonso Pais ao seu socio nunha conversación telefónica en outubro de 2013.

PRESUPOSTO INFLADO

Pero ademais da adxudicación en si, os responsables de Eiriña mantiveron varias conversacións relacionadas cunha suposta débeda de 2.000 euros dunha obra anterior. Segundo deduce a Policía, a empresa tiña pendente de cobramento esa cantidade por unha obra anterior, a instalación dun escáner de colectores.

Das palabras de Jaime Alvariñas, así como da documentación intervida, a Instrución infire que, finalmente, Eiriña logrou "inflar" o presuposto da obra de ampliación do anexo ao escaner para recuperar eses 2.000 euros.

Por outra banda, as conversacións telefónicas reflicten tamén a preocupación de Alvariñas polo feito de que a empresa consegue moitas adxudicacións en 2013, e prevé tamén moita carga de traballo en 2014. Así, nunha chamada a Alonso Pais o 15 de outubro de 2013, dille: "En Vigo teño que cortar, hai que cortar porque se non, imos ter un problema gordo".
 

Te puede interesar