Uns 80 alcaldes, dispostos a se encerraren na Xunta se non baixa canon Sogama

Uns 80 alcaldes están dispostos a se encerraren nas dependencias da Xunta en San Caetano, en Santiago, no caso de que o Goberno galego non acceda ao diálogo e reconsidere a 'desproporcionada' suba do canon da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama).

Así o apuntaron nesta mañá alcaldes socialistas, despois de manteren unha reunión co portavoz do PSdeG no Parlamento, José Luis Méndez, quen anunciou que reclamará perante o Parlamento que se faga unha auditoría ambiental e financeira á sociedade de xestión de residuos.

Méndez destacou a gran 'preocupación e tensión' arredor da 'imposición unilateral de novas taxas' por parte da Sogama ante o cal 'o que toca é si ou si' sen posibilidade de coñecer o razoamento da decisión de subir a taxa, unha actitude que supón tratar os alcaldes e os cidadáns 'como súbditos'.

O portavoz socialista insistiu en que Sogama está 'incinerando masivamente', máis de dous terzos do lixo que recibe, mentres o resto 'é abandonado nun vertedoiro, en contra de calquera modelo de converxencia con Europa' cunha 'impresionantemente baixa' taxa de reciclaxe.

A suba do canon da Sogama, dixo, terá que ser repercutida nos concellos, cando se trata dunha taxa por tratamento, o que supón unha situación de 'fraude de lei'.

Indicou que os ingresos desta sociedade baixaron seis millóns de euros e repercute en taxas por un importe de 16, perante o que anunciou unha iniciativa que reclama a retirada dese canon, que considera que non está xustificado, para que recaia sobre o orzamento da Xunta.

Igualmente, os socialistas avogan polo comezo dun proceso de negociación cos alcaldes, así como unha auditoría financeira e ambiental porque os municipios teñen 'pleno dereito a saber' o que acontece nesta 'opaca' sociedade.

Entre tanto, Marcos Blanco, alcalde socialista de Ribadavia, apostou por facer o posible por 'dar a volta' á suba do canon, motivo polo que no pasado luns máis de 80 alcaldes 'de esquerdas' mantiveron unha reunión.

'Non queremos entrar en ningún tipo de guerras', sinalou Blanco que, no entanto, insistiu en que é preciso abrir un diálogo dos concellos, a través da Fegamp coa Xunta para intentar chegar a acordos.

A idea dos alcaldes é dar un prazo 'prudente' ao Goberno galego para encamiñar o diálogo. Mais, en todo o caso, se non se alcanza un acordo, a partir do día 9 de decembro a seguinte medida sería un encerro de 'gran parte' dos alcaldes en San Caetano 'como medida de presión'.

'Os alcaldes estamos realmente enfadados; aínda así abriremos un proceso de negociación', argumentou, e dixo confiar nunha resposta da Xunta.

Manifestou que os máis de oitenta alcaldes que falaron do asunto na pasada semana quedaron en se volveren reunir se non frutificar o diálogo coa Administración, para organizar quendas. 'Estamos falando de que unha toma de San Caetano non deixa de ser significativa'.

Alén diso, Francisco José Fraga, alcalde de Piñor, convidou os alcaldes do PP a que se sumen ás accións contra a suba da taxa e subliñou que esta medida vai acompañada doutras como o copagamento das medicinas ou o canon da auga, polo que os concellos están a se converter en 'recadadores da Xunta de Galicia'.

Por iso, avogou por que alcaldes de diferentes partidos políticos 'se levanten e se rebelen contra esta medida profundamente inxusta e insolidaria'.

Pola súa vez, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso apuntou que manterán accións en varias frontes contra esta taxa e insistiu en que a única explicación que recibiron do presidente da Xunta é que quen se queira ir da Sogama, que se vaia, o que non lle parece serio, dixo.

Dixo non entender que esta suba 'bestial' de máis de 33 por cento vaia acompañada dun beneficio de catro millóns de euros.

Te puede interesar